Para confirmar que o que che contara o noso parrulo favorito era verdade, quéroche ensinar este video educativo en portugués (pero moi doado de entender) no que, a ritmo de samba, nos explican a fascinante relación musimática...
Aínda non te convencín???
Pois, como último recurso, propóñoche que fabriques coas túas propias mans un instrumento musical e te convenzas. Precisarás unha táboa de madeira duns 40 cm. de lonxitude, dous cravos, unha corda, preferiblemente de guitarra e unha goma elástica. Sigue os seguintes pasos:
→ Coloca os cravos sobre a táboa de madeira de xeito que entre eles haxa unha distancia de 12 ou 24 cm (múltiplos de 12)
→ Pega sobre a táboa unha tira de papel na que se debuxará unha liña recta marcando nela as fraccións 1/2, 1/3, 1/4, 1/5, 1/6 nos puntos nos que a fracción indique a distancia desde ese punto ao cravo máis próximo dividido entre a distancia total
→ Coloca a corda arredor dos cravos para que quede tensada.
→ Introduce a goma elástica por un dos extremos da táboa e fixa un punto determinado da corda.
Unha vez construído o instrumento:
→ Fai vibrar a corda varias veces e escoita o son; este será o ton principal.
→ Despois coloca a goma elástica, de modo que suxeite a corda onde está a fracción 1/2 e faina vibrar de novo. O ton producido será o mesmo, pero unha octava superior.
→ Posteriormente despraza a goma ata as fraccións 1/3, 1/4, 1/5, 1/6 e fai vibrar o lado máis longo da corda. Os sons que se escoitarán corresponden coa quinta, a cuarta, a terceira maior e a terceira menor respectivamente.
E para rematar a nosa particular celebración ronseira, unha canción titulada La calculadora que, se ben non ten moito que ver coas matemáticas e musicalmente deixa bastante que desexar, dálle unha nota de humor ao artigo. Non vos parece?
3 comentarios:
Xa, xa... e á física que a zurzan! agora resulta que as cordas soan debido ás matemáticas... que paciencia hai que ter... matematicamente infinita...
Un saúdo.
hala!! xa está o físico protestando! Cando sexa o día da física non dubides en agasallarnos cun artigo sobre esa tan marabillosa disciplina (que sen as mates non serían nada, por certo!)
outro saúdo!
E que razón tes!!! pois entón que viva a química!
Outro saúdo +
Publicar un comentario