Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/10/08

O único que queda é o amor

Agustín Fernández Paz acaba de recibir o Premio Nacional de Literatura por O único que queda é o amor. Xa deron conta desta noticia os blogues das B.E. e a prensa, e a nosa inestimable colaboradora ocasional e constante lectora, Rosa Salgueiro, achéganos as súas reflexións sobre o libro:


Hai xa case un ano que lin este libro de relatos e non me pareceu o mellor que saíu da súa pluma. Con todo e aínda que só sexa polos relatos “Un radiante silencio” e “Loanza da filatelia” a súa lectura xa vale a pena.

Pareceume un libro de memoria (agora que tan de moda está a palabra): memoria da propia escrita (ten moitas conexións coa súa obra), das súas lecturas (cunha selección deliciosa de citas) e do amor, ou máis exactamente do amor que puido ser e non foi; neste sentido deixa un pouso un tanto amargo, unha sensación de que é moi doado (e un tanto azaroso) perder oportunidades na vida.

E o último relato, “Un río de palabras”, encabezado por unha cita de Valente (“El que da una palabra da un don”) ofrécenos unha imaxinativa e interesante proposta de animación á lectura que xa se experimentou con éxito nalgún concello e que penso que tamén podería resultar atractiva para os centros de ensino.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.