Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/02/09

I Semana da BD

O Equipo de Normalización Lingüística decidimos este curso organizar unha semana dedicada á Banda Deseñada e á Ilustración galega. Un novo reto nas nosas actividades, polo que supuña de complexidade e de ilusións: pretendemos que esta teña continuidade en cursos posteriores. Por se fose pouco, a nosa teima é saír do centro, que o noso alumnado vexa que isto "do galego" e as actividades que poidamos realizar non están pechadas baixo os muros do centro, senón que "hai vida" fóra deste. Por tanto, puxémonos en contacto cunha asociación cultural da vila, ADELLÍS, invitamos ao colexio público e... voilà!: esta primeira semana de febreiro cumprirase un pequeno soño.
Aquí tedes o cartel que anuncia a actividade: seis autores e/ou ilustradores achegaranse ao centro para compartir o seu traballo co alumnado da ESO: Suso Cubeiro, Anxo Fariña, Jacobo Fernández, Rodrigo Chao, Pepe Carreiro e Xosé Tomás, xunto con tres exposicións cedidas pola Consellería de Cultura encherán as nosas vidas de personaxes de ilusión. Destas, unha irá para a Casa da Cultura silledense, e o alumnado do colexio público poderá acudir aquí a coñecer in situ o traballo de Pepe Carreiro.



Queremos dar as máis expresivas grazas ás editoriais Galaxia e Consorcio Editorial por axudarnos tan desinteresadamente. Grazas Arturo, grazas Narciso, por aturarme, por escoitarme e por corresponderme. Pola vosa xenerosidade para comigo.
Grazas tamén á Casa da Xuventude de Ourense polos agasallos para a exposición e as súas propostas para o futuro.
E a Charo tamén moitas grazas, pero isto é unha sorpresa... Así que estade atentos, toda a semana manterémosvos informad@s.

E que mellor xeito de falar desta semana que con estas marabillosas fotografías comiqueiras?:

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Mimadriña que teimudos sodes os de Silleda, ata que conseguistes mobilizar os mellores deseñadores de BD de Galiza non parastes. Fódase cos do Deza!, eses cocidos fan marabillas

olga dixo...

Estou segura de que será unha magnífica sesión.
Anxo, Pepe, Xosé e Jacobo son amigos nosos: estiveron compartindo o seu bo facer cos nosos nenos e nenas.
Un bico moi especial para Jacobo, que foi o "esteticien" da nosa mascota e cuio traballo seguimos con interés.

Antonio Martínez dixo...

Fantástica inicitiva e fermosas ilustracións.

Anónimo dixo...

Teño que dicilo... o motor de todo isto é a mesma forza da natureza que impulsou este blogue... como non dorme e soña, soña cousas coma estas.
Bicos mil para ela, saúdos para tod@s.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.