Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/03/09

Una investigación filosófica

Este libro de Philip Kerr, autor do que xa vos falei hai un tempo cando lin a súa triloxía ambientada na Alemaña nazi, é unha opción diferente de novela negra. Una investigación filosófica resulta non ser só unha investigación sobre asasinatos senón que vai máis alá de calquera clasificación xenérica, debido á orixinalidade do plantexamento, o tempo futuro, a utilización do diario persoal do asasino co seu ideario de vida, a intelectualidade, a ciencia ficción... Non é desde logo, unha novela ao uso. Pero non por iso deixa de ser unha novela que atrape, como boa novela negra, se quedamos con esta clasificación.
Avanzamos a lectura querendo saber máis sobre un asasino intelectual que xustifica e convence, pois só mata a outros asasinos, posibles ou reais. E todo isto mesturado cunha carga filosófica e psicolóxica. A novela desenvólvese nun Londres negro, fracturado socialmente, pero nun futuro recoñecible e nada estraño, con dous elementos futuristas decisivos: a realidade virtual e a existencia dunha pena por inmersión en coma.
Unha lectura diferente e recomendábel.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.