Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/05/09

Sardinia Blues

Como teño unhas alumnas marabillosas, activas, lectoras, desas que te reconcilian coa profesión e que fan crer que aínda temos futuro en galego, traio unha nova lectura que agarda por min nos andeis e que elas adiantan. Desta volta é Susana Cumbraos quen nos aporta a súa reflexión sobre Sardinia Blues de Flavio Soriga.

Había tempo que andaba na procura de algo así, e ata o de agora non o atopara. A verdade é que é un tanto estraño que torne de Miguel Anxo Murado, coas súas duras e crueis historias da guerra, a Flavio Loriga, quen escribe nunha liña realista, pero á vez é quen de facernos sentir aquilo que está no máis fondo dun mesmo. Porén, Flavio Loriga conseguiu extraer de min unha serie de sentimentos encadeados entre si, como a amizade e a traición, o amor e o desamor, o risco e a aventura...
A historia en si vai dun mozo cunha serie de problemas familiares aos que se unen os sentimentos e tamén unha dura enfermidade que o corroe por dentro dende pequeno.
Dito así, semella que o libro zumegue tristura, pero non. A min máis ben fíxome sorrir pola ideas tolas dos protagonistas e en moitas páxinas mesmo me identificaba con eles.
Está narrado cunha lingua cotiá e de fácil acceso.
Quero outro igual!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.