E aproveitamos para lembrarvos a mensaxe que desde a Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística se elaborou:
A COORDINADORA GALEGA DE ENDL CONSIDERA INADMISIBLE QUE O PRESIDENTE INCITE A IMCUMPRIR A LEXISLACIÓN EDUCATIVA.
Diante das noticias publicadas hoxe na prensa onde se recolle que o Presidente da Xunta de Galicia, o sr. don Alberto Núñez Feijoo, vai enviar unha circular aos centros educativos dando instrucións a respecto da distribución curricular das linguas oficiais nos centros educativos segundo a vontade do alumnado e o profesorado, a Coordinadora galega de ENDL considera inadmisible que un presidente dun goberno incite a incumprir a lexislación educativa mediante unha circular, documento este que ten como finalidade “aclarar” aspectos da lexislación, nunca para ir en contra dela, xa que non é un instrumento normativo.
Neste momento está en vigor o Decreto 124/2007, que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo e que procura que o alumnado reciba un 50% de clases en lingua galega, para así poder garantir que sexa competente nas dúas linguas da comunidade, algo que só se pode conseguir se o alumnado aprende galego pero tamén “en galego”.
Coas medidas postas en práctica no Decreto, non se atentou contra ningún “dereito civil”, polo tanto o noso colectivo non entende porque se fala de “repoñer os dereitos civís nas aulas”. A Coordinadora non dá creto a esta chamada á “insumisión” baixo o discurso da liberdade que deixa na elección do alumnado e do profesorado a lingua das clases, cando está lexislado mediante un Decreto que se estaba comezando a aplicar e que aínda non foran avaliado.
Os integrantes da Coordinadora Galega de ENDL tamén mostran a súa sorpresa polo momento e a forma en que sae esta noticia. Tras un discurso de investidura no que se repetiu ata a saciedade a palabra consenso, promove esta medida sen contar coas persoas e entidades que están implicadas directamente no proceso educativo e/ou con todos aqueles que participaron na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento. Dá así a impresión de que os “votos prestados” dos que falaba neste días o Conselleiro de Educación, o sr. don Jesús Vázquez, pesan máis ca calquera intención real de consenso.
Páxina web: http://www.coordinadoraendl.org/
Fax: 981800064
Correo: correo@coordinadoraendl.org
2 comentarios:
Ola, Ronsel, só por darlle o seu ao seu dono, deixo aquí o nome da autora do texto e do deseño da imaxe que escollestes tan acertadamente para este artigo: chámase Silvia Legaspi e é alumna de 4º da ESO do IES Breamo de Pontedeume, e inspirouse na idea que no curso pasado tivera outra alumna, Ledicia Botas, que agora xa non está no noso centro. Encantounos o resultado e parécenos marabilloso que o espalledes na rede de ronseis que debuxades...
Moitas grazas, non só pola información, tamén polas túas amables palabras...
Publicar un comentario