Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/06/09

Enderezo descoñecido

Impresionante. Imprescindible. Así é esta novela curta de Kressmann Taylor, Enderezo descoñecido, publicada por Xerais no ano 2002 e que puiden coñecer agora recomendada por unha compañeira. Publicada en 1938 foi considerada unha obra "perfecta", aínda que desapareceu das librarías europeas por ser inscrita na lista dos libros prohibidos do Terceiro Reich. E podemos lela en galego!
Sorprende sobre todo que a autora (si, autora, pero os editores consideraron que era un libro "moi duro" para estar escrito por unha muller e cambiáronlle o nome) tivese a lucidez naquel ano do que ía ocorrer na Alemaña nazi.
É unha obra contundente na súa crueza, demostrando que non son necesarias moitas páxinas para darnos unha obra que debemos ler. Unha novela espléndida que engrosa a literatura sobre o nazismo, convértendose en peza de colección. En forma epistolar, vemos como vai mudando a situación de amizade segundo os acontecementos históricos e persoais van influíndo neles.
E para os lectores menos lectores, lémbrovos que nunha hora teredes lida unha obra marabillosa que ben seguro vos abraiará.
Non vola perdades.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.