Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/07/09

Makinaria

A lectura de Makinaria de Carlos Negro tráeme á mente lembranzas de ex-alumnos que marcharon nas mesmas circunstancias que o libro describe. Este poemario, imprescindible lectura para xente nova, é un todo poético sobre a inconsciencia da mocidade e a velocidade, sobre como un mozo pode perder a vida na estrada da adolescencia, sobre como o discurso dos "vellos" cae en saco rompido mentres o escoitan con cara de póker. Unha poesía de lectura rápida, mesmo frenética, que concorda coa obsesión pola velocidade que nos describe, cun só destino: o cemiterio. Como afirma Rosa Aneiros no epílogo, "Makinaria é unha canción desesperada de gasolina e goma abrasada", un libro que de seguro transmitirá e chegará á mocidade porque fala e sente igual, coa súa voz cotiá.

Thunder Road

Deixa

que os motores

ruxan salvaxes

imos xuntos

queimar

a madrugada

esnifar

unhas cantas raias

da estrada

a tope

cos malotes de sempre

a arrasar

nena

a arrasar

que o día de maña

din que nunca existiu

e ti tes uns ollos azuis

e flipantes

e eu un burato de medo

no medio da chapa do peito

que se cadra ti

esta noite

es quen de encher

agora

corpo a corpo

antes de que oxiden

as horas e a vida

sexa

fume de tubo de escape

unha derrapaxe

en falso

na seguinte curva.



1 comentario:

Biliomanía dixo...

Lin a reseña do libro na prensa e interesoume porque ademáis andaba a seleccionar lecturas para a guía de verán sobre poesía, pero nas librerías aínda non lle chegara.

Grazas pola túa opinión acerca da obra. Desta vez serei eu, quen co teu permiso, falarei de Makinaria no blogue.

Saúdos. Loli

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.