Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/11/09

Educar con tres C: Capacidades, Competencia, Corazón


Poucas veces, moi poucas, saímos dun cursiño tan marabillados, tan extasiados e tan alucinados como sucedeu onte, no terceiro día do "Foro da ciencia e da cultura en Galicia", do que xa vos falamos aquí. Se a anterior sesión resultou unha decepción -ou unha tomadura de pelo- desta volta non queriamos saír do lugar onde estabamos, dun lugar onde Mª Mar Romera nos tiña atad@s ás nosas cadeiras, con nós que só a maxia dunha educación con ás podería atoar.

Comezou Mar falando de que non todos os nenos miran cos mesmos ollos, da dificultade de chegar a eses nen@s que desde os seus pupitres nos ollan con miradas apagadas, e precisamente por iso, da importancia de atraelos. Porque o noso labor, o labor dos docentes, non é ensinar. É axudar a aprender. E nós debemos aprender a axudar. A finalidade da nosa profesión é garantir que o alumn@ se integre na sociedade. E para isto cómpre transmitir a necesidade de medrar de xeito autónomo: deixemos que voen, que descobran as súas propias ás.
O obxectivo final é que APRENDAN A e non ACERCA DE. Debemos desenvolver a intelixencia emocional.
Para todo isto, debemos cambiar. Debemos, ante todo, traballar en equipo e traballar con proxectos. Estamos acostumad@s a esconder as nosas debilidades porque temos medo, e este xorde cando non temos recursos suficientes, por iso cómpre que compartamos os recursos para que o medo desapareza.
A NECESIDADE é ORGANIZAR o currículun máis alá das áreas, combinando diferentes tipos de unidades didácticas. Para cambiar o resultado hai que cambiar a ACTITUDE.

Traballamos con
.- Capacidades: Porque podes
.- Competencias: Porque fas
.- Corazón: Porque queres
Nesta última parte podemos incidir máis porque vemos hoxe en día como en plena era da información, cunha desestruturación da sociedade, con demasiados modelos que asumir e unha cultura dos extremos na que todo vale, a publicidade está dirixida ao plano emocional.



Non sei se aprenderemos a facelo. Creo, si, que o tentaremos. Porque queremos o mellor para o noso alumnado, porque estamos dispost@s a aprender. E porque con comunicadores así é imposible negarse á evidencia: temos moito que mellorar se queremos construír futuro.

Tamén nos deixou estes dous vídeos. A curta xa a colgaramos aquí hai un tempo; volvédea mirar que paga a pena.



Queremos chegar ata aí!!!
Grazas, Mar por, simplemente, existir.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.