Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/01/10

Valados

Agustín Fernández Paz demostra en Valados que non son necesarias grandilocuencias nin rimbombancias para denunciar a realidade do noso mundo; ese que nós, os humanos, nos empeñamos en empozoñar cada día, construíndo valados arredor nosa: coa indiferencia, co odio, co medo, co silencio. Cal é a explicación a tanta destrución? Falamos estes días e horrorizámonos coa traxedia de Haití, un valado máis, produto da destrución do home cara á natureza. Lembramos de cando en vez o que supuxo o nazismo e a construción do muro de Berlín. Aprendemos cada día sobre valados vergoñentos que ninguén quere destruír en tantos lugares do mundo: Palestina, Sáhara, Ceuta... Sobre todos estes en conxunto e ningún en particular escribe Agustín, unha lección de emoción sobre uns nenos que, afastados por un valado, inventan mil e un xeitos de destrozar ese muro. Por que non deixar paso ao optimismo? Seremos quen de erguernos un día e descubrir que por fin comprendemos que tod@s somos iguais e alzarnos da man para derrubar todos os valados -reais e imaxinarios- que existen? Serán eses nenos capaces de medrar coa intención de loitar contra as pantasmas dos adultos?
Un libro especial que o noso alumnado debe ler e traballar, para que a educación sexa tamén esa pinga de sentido común que a sociedade do futuro necesita.
As ilustracións de Xan López Domínguez, un dos nosos mellores ilustradores, son esenciais acompañantes neste texto fermoso e profundo que deixa paso á esperanza.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.