Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/02/10

Amelia quere un can

Amelia quere un can de Tim Bowley, ilustrado por André Neves é unha fermosa historia dunha nena espelida que sabe convencer aos maiores dun xeito moi diplomático. Porque non sempre o camiño máis curto é a liña recta. Deses libros tenros e divertidos que che arrincan un sorriso e que desexas que os demais o lean para ver como se lles debuxa tamén a eles ese mesmo sorriso de satisfacción por leren un conto ben feito. Ademais, é un álbum moi propicio para ensinar aos nenos como coidar dos animais, cal é a nosa responsabilidade, o respecto que cara a eles debemos sentir e cales son os que deben vivir en liberdade por seren salvaxes e cales non o son. Novamente, como todo álbum infantil, temos a estrutura acumulativa e repetitiva.
As ilustracións son preciosas, a cariña da nena, os animais que percorren as páxinas, as cores con técnica mixta... todo se confabula para que o libro sexa imprescindible.


Amelia entrou no salón.
O seu pai estaba sentado na súa cadeira favorita lendo o xornal.

-Papá dixo ela-, estaba pensando...

O seu pai suspirou.

'Cando Amelia pensa, seguro que haberá problemas'.


Amelia quere un can atoparalo na exposición que está nestes momentos no centro: "Do galego para o mundo e do mundo para o galego".

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.