Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/03/11

Lois Pereiro, náufrago do paraíso

(Unha chiscadela a Marcos Calveiro)


Martes do antroido, pola mañá, en Lalín.

Entro na libraría. Vexo o libro, folléoo. Como non, mércoo. Gustoume o plantexamento da biografía, que ollei por riba.
A lectura debe agardar. Quizais poida ao día seguinte.

Mércores de cinza, pola tarde-noite, dentro.

Por fin, podo comezar a lectura do libro. Non podo lelo enteiro, como quixera. Debo poñer un exame e organizar as clases do día seguinte. En contra do que se fai normalmente, comecei polo final: lin os poemas, a biografía, detívenme nas fotos.

Xoves pola tarde, dentro.

Por fin, podo gozar plenamente coa lectura do libro. Avanza rápido, déixase ler tan facilmente que ata dá mágoa rematalo. Gústame o xeito de encarar a operación biográfica: retallos da súa vida, lembranzas dos que estiveron con Lois Pereiro, curta vida e longos anceios.

Venres pola noite, dentro.

Releo de novo. Detéñome en detalles, boto contas das idades, anótoas no libro, subliño. Soño esperta, recupero imaxes de lugares, versos de Lois que amei dende que os descubrín... cantos anos hai xa?

Sábado pola tarde, dentro.

Achégome ao blogue. Falar dos libros custa traballo, máis dalgúns coma este. Decido "copiar" a fórmula que tan bo resultado dá: parabéns a Marcos Calveiro pola sinxeleza, pola forza, pola escrita, polo achegamento. Unha lectura ideal para o meu alumnado, ese que tan preocupada me tiña: como achegarlles este poeta? Quizais agora sexa máis doado.
Cada capítulo, un ano da súa vida. Un repaso, unha historia, un chisco da curta vida dun home que nos deixou escritos algúns dos poema máis fermosos da Literatura Galega.

Marcos Calveiro publica esta Biografía e Antoloxía de Lois Pereiro en Xerais: Lois Pereiro, náufrago do paraíso. Imprescindible.

2 comentarios:

Ernesto dixo...

Aínda queda outra...............biografía.....pensareime se cha regalo.

Ronsel dixo...

Fareiche a pelota, logo

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.