Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/09/07

Frida Kahlo

Esta artista mexicana cumpriría cen anos en agosto. Para celebralo, na súa casa-museo de Cidade de México instalouse unha interesante mostra sobre a súa persoa e a súa obra. Conta con material que permanecía inédito e que formaba parte da colección de Dolores Olmedo, mecenas de Diego Rivera, parella da artista. Ao igual que este, quería que a súa obra fose unha afirmación da súa identidade mexicana e por iso recorría a técnicas e temas extraídos do folklore e da arte popular do seu país. A súa obra foi relacionada co movemento surrealista.
Os seus cadros representan fundamentalmente a súa experiencia persoal: os aspectos dolorosos da súa vida, que transcorreu en gran parte postrada nunha cama, son narrados a través dunha imaxinería gráfica, expresando a desintegración do seu corpo e o terrible sufrimento que padeceu., xa que aos 16 anos resultara gravemente ferida nun accidente de camión.
Podedes ver o filme Frida, protagonizado por Salma Hayek, un bo xeito de achegarse a súa personalidade, aínda que Frida seguramente tivo unha vida máis densa e interesante do que vemos aquí, demasiado focalizada na súa turbulenta relación co seu home Diego Rivera.







Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.