Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/09/07

Los ejércitos

Escribo, aínda conmocionada, sobre esta última novela que veño de rematar agora mesmo, e que tedes na vosa biblioteca. Conmocionada, digo, porque mediante unha atmosfera opresiva e un ton lírico envolvente o libro amosa o drama individual que produce a guerra nun lugar calquera de Colombia. De feito, o autor, Evelio Rosero, asegura que foi tecendo a novela a partir dos testemuños reais de secuestros, desaparicións... da cruel realidade do seu país. O seu propósito era acercarse á situación do civil, do desarmado, para plasmar a tortura de seres sometidos a unha guerra absurda que xa leva máis de 50 anos; e isto na vida cotiá do país, un país que só ten que saír á rúa para ver os centos de desprazados que chegan ás cidades, sen destino, sen auxilio eficaz do goberno, e -o que resulta máis tráxico- no medio da total indiferencia de transeúntes e cidadáns.O final non é só a gran metáfora da traxedia do país, e o personaxe principal simboliza aos latinoamericanos. O libro representa o drama diario dunha parte de Colombia, estragada pola corrución política, zorregada por todas as formas de "exércitos" que, finalmente só traen a destrución, mire dende onde se mire. Unha obra, por fin, que sen caer no activismo político ou na ética vai ata o fondo dos conflitos dos que Colombia aínda non se recuperou.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.