Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/07

Re-PASO do mes

Póñome a escribir sen saber moi ben qué sairá de aquí. Reflexións en voz alta no mundo da blogosfera. RePASO a un mes de infarto. E post demasiado longo.
O bo de ter un blog dunha biblioteca virtual é que se pode falar de moitas cousas "diferentes", opinións persoais... O malo de non ter biblioteca real é que quedaron aparcados moitos proxectos pensados no verán.
O bo da vivencia dalgunhas "vicisitudes" é saber a quen tes cerca. O malo é descubrir a quen non tes e crías ter.
Dar clases só. E tentar cumprir o consello da miña admirada Carme Loriga. Adicarme por completo ao meu alumnado, que non é pouco, algo desatendido ultimamente (menos mal que sei que hai ollos que non me lerán nunca, xa estarían a dicir con toda a súa mala (...): "Ya la decía yo").

Recoñezo que fixen trampa. Recoñezo que teño unha compañeira de departamento xenerosa e marabillosa que me saúda cun sorriso aberto: "non volvo falar contigo, tes o 4º bo!!!". Que si, querida Teresa, que tiña informacións confidenciais.

Sobre todo, decidín que parte dos meus esforzos na ESO ían dirixidos a crear no meu alumnado o "amor" pola lectura. Para isto, mergulleime en diferentes blogs de aula. E así comezou o curso.

A miña idea do desenvolvemento do mesmo: convertérense en lectores, sempre premiados con puntos sobre a nota da avaliación. (Alá vai o meu prestixio!!!) Non cun libro obrigatorio, senón que lles proporcionaría unha selección de 40 ou 50 títulos e el@s deberían escoller un diferente, para que cando os acaben se contaxien entre eles, recomendándoos. E a esixencia dunha libretiña de "seguimento" da lectura: nada de resumos (que poidan copiar), senón que expresen as emocións que o libro lles proporcione en cada momento.
Ao principio non comprendían. Todo isto é moi novo para eles, aínda que (isto eles non o saben) tamén o é para min. E tentei explicalo cun exemplo: comentei que ao ler "Expiación" pasa algo no medio que me cabreou tanto que tiven que parar a lectura. E recuperala tres días despois. Pero ao mesmo tempo non quería profundizar moito porque algún día esperaba que eles lesen ese libro. Pois ben: díxome unha nena que A SÚA NAI VAI LER ESE LIBRO. Isto case me provoca bágoas, non creades, porque non só significa que me escoitan para o seu beneficio, senón que fun capaz de transmitir algo que chegou ás súas casas.
Cando expliquei todo isto non tiña moi clara a lista de lecturas. O que si sabía era que non quería que fose a típica de lecturas xuvenís. E iso supuña un novo reto. Unha alumna comentou que este verán leu "Los pilares de la Tierra" e que agora lle gustaría ler "El código da Vinci". Eu respondín que ese libro estaba traducido ao galego. E preguntoume se servía para o curso. Non é o libro no que eu pensaba, pero aí está.
Isto fíxome pensar en arriscarme. A lista é, desde logo, ampla, e amplos son moitos dos libros que nela se inclúen. Cando cheguei con ela case a devoran. "O señor dos aneis para min", berrou un rapaz moi inquedo, e eu fíxenlle un xesto coa man, porque é groso tamén, pero DÁ IGUAL. E outra rapaza, quen eu pensaba que ía ser máis pasota (repetiu 3º) escolleu... "Crime e castigo"; expliqueille os atrancos que se podían topar na súa lectura, tentando razoar con eles que a estética á que están acostumados na nosa sociedade actual é moi rápida e que os libros decimonónicos non o son... pero está decidida. E entre lecturas se nos foi a clase, e así será todos os venres, porque a ler e a escribir adicaremos a última hora da semana.
Na segunda avaliación terán que inventar unha historia longa, de 15 a 20 folios. Iso parece que lles provoca máis ansiedade, pero véndoos traballar, creo que imos poder con todo.
Se a alguén lle interesa, podo publicar no blog a lista de lecturas. E xa vos irei contando como resulta a experiencia

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Que como vai ir a experiencia?? Estou convencido que vai sair moi ben aínda seguro que a ti non te colmará o suficiente porque claro.."Eu pensara que..." .
Ai, profesora Sanctorrrum, vostede é capaz de calquera cousa!. Por certo, non esquezas levarme un libro mañá!!!
Velo? hehehe

Ronsel dixo...

Mira que es rápido! Case me das un susto de morte. Anónimo, anónimo... puafffff

O Segrel do Penedo dixo...

A min, interésame a min!! "Pactei" media hora de lectura todos os venres cos meus moz@s do PDC e teño que propoñerlles títulos que os animen e non abandonen antes de comezar. Así que xa sabes. Ademais, non é este o blog da nosa biblioteca escolar virtual? Pois iso...
Bicos!!

MESTURAS dixo...

N�s tamen queremos esa lista por suposto. Que sorte te�en eses rapaces!!, e este post non � nada longo, A mim s�ubome a pouco.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.