Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/10/07

Birmania ensanguentada


A Xunta Militar birmana está a facer o que mellor sabe facer para sufocar as protestas populares: asasina a manifestantes (cantos?), detén masivamente, intimida aos compatriotas, illa ao país por teléfono e Internet. Os monxes apenas saen á rúa. Os relixiosos budistas, que tiveron a enorme coraxe de pórse á cabeza dunha revolta inicialmente desatada polos prezos dos combustibles, non son líderes políticos. Eles tomaron a antorcha da liberdade, en defensa dun pobo reprimido por unha ditadura de 40 anos. Ditadura que sumiu un país rico en gas, petróleo, minerais e pedras preciosas, na miseria, tanto é así que a fame empezaba a facer a súa aparición.



A represión desatada por unha das ditaduras máis vellas do planeta, case medio século, non é nova. Como tantas veces, está alentada pola impotencia da ONU, que se ten que conformar cun visado para un dos seus representantes e onde os principais aliados dos xenerais birmanos, China e Rusia, anuncian que se oporán "por prematura" a calquera sanción.
Pero deberiamos esixir unha resposta urxente, coordinada e enérxica das potencias democráticas para deter a iniquidade que sofre Birmania; e un apoio xeneroso e sen fisuras cara á súa oposición política: o supremo respecto que merecen os centos de miles de persoas que, sen ningunha das compensacións do noso mundo, estanse botando pacificamente á rúa e arriscando as súas vidas fronte aos fusís para esixir liberdade.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.