Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/10/07

Tuneko Okazaki

Se preguntamos cantas mulleres científicas coñecemos, seguramente tod@s asegurariamos que moi poucas. Os nomes de moitas deles escóndense ás veces debaixo dunha simple inicial ou baixo a sombra dalgún home co que traballan. Seguramente, cando oímos ou lemos algo sobre algún/ha científico, tendemos a maxinalo coa súa bata branca e a súa longa barba. Temos o propósito de ilas descubrindo pouco a pouco.

Para os que estudaron algunha vez o proceso de duplicación do ADN, quizais sexa unha sorpresa topar unha face de muller asociado ao nome de Okazaki. Esta bióloga molecular foi a descubridora dos chamados "fragmentos de Okazaki" (cadeas curtas que se forman durante a duplicación do ADN na chamada "duplicación discontinua") nos estudos que realizou xunto ao seu home Reiji Okazaki en 1968.

Tuneko Okazaki foi a primeira muller profesora na universidade nipona de Nagoya, e actualmente é profesora no Instituto Médico da universidade Fujita. No ano 2000 recibiu o premio L'Oreal-Unesco "For Women in Science", uns premios que se conceden anualmente a cinco científicas distinguidas, unha por cada continente.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.