Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/10/07

Viaxes no Scriptorium


Tardei en ler este libro de Paul Auster por medo ás críticas que me chegaban del: que era malísimo, que non parecía del... Pero, por fin, saqueino da mesiña e devoreino en pouco tempo. É, dende logo, un libro completamente diferente ao universo de Auster, pero eu non diría que é malo, simplemente, moi distinto.
A ficción serve para reflexionar sobre as consecuencias da ficción, para incluír a novela dentro da novela, para abordar a vellice, a decrepitude; mesmo para bromear e asustarse coa irresponsabilidade dos creadores de ficción e co porvir caduco que a todos e a todas nos agarda.
É unha novela curta que resulta unha autoanálise dos modos de ficcionar do autor. Unha invitación a visitar o seu obradoiro, o escritorio, onde traballa o autor acompañado das súas pantasmas, as creacións.
Esta obra serve para lembrarnos que é un autor comprometido co seu propio mundo, que supedita as vendas aos seus desacougos persoais en todo momento.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.