Así que hoxe tráiovos aquí a súa carta, sirva de testemuño de todos os traballos que fixo o meu alumnado nestes días:
Síntome con forzas para poder escribirche esta carta na que quero encerrar todo o que sentía por ti. Como se este anaco de papel fose un baúl no que poder gardar o amor da miña amarga vida e tantos recordos que teño contigo, poida que só uns poucos porque calquera bo recordo que quedaba neste corazonciño esvaiuse coa última labazda que me deches. Nese baúl van tamén todas as miñas ilusións e todas as ganas de vivir un apaixonado amor contigo: e ese baúl desaparecerá para sempre, deixando pegadas moi fortes no meu corazón.
Preguntaraste por que che escribo esta carta; pois para dicirche sen medos o que por temor a eses berros desmesurados e eses apretóns que me deixaban sen alento nunca che dixen. Porque agora a que pode berrar son eu, a que lle pode berrar ao mundo que é libre.
Todo comezou un fermoso día de outono, acórdaste?, foi cando nos coñecemos, naquela aldea apartada do mundo; foi a mellor tarde da miña vida, os meus ollos desbordaban felicidade e os teus parecían amosar a mesma ledicia. Dende aquela tarde quedei namorada de ti, pouco a pouco fómonos coñecendo máis e máis, aínda que é agora cando me decato de que nunca te coñecín de verdade.
Uns meses despois fixémonos mozos, queriámonos coma ningunha outra parella, pasamos momentos tan fermosos xuntos… E así pasou un ano, dous, tres... e cando levabamos tres anos, seis meses e doce días casamos. Por aquel entón decateime de que o teu carácter era un pouco forte pero non lle dei maior importancia, e as cousas fóronse calmando… E entón pasou un ano, dous, tres, catro, cinco, e ti recibiches a nova máis fermosa que ninguén pode imaxinar, ninguén menos ti. Ese día díxenche que estaba embarazada, pensei que me darías un forte abrazo e no canto unha forte labazada, pensei que a túa cara expresaría ledicia e no canto expresaba amargura, pensei que me bicarías e no canto cuspíchesme, pensei que me dirías que nos amabas e no canto dixéchesme que non valiamos para nada, pensei que me querías, odiábasme.
Golpeáchesme, empurráchesme, cuspíchesme, insultáchesme, e ese mesmo día perdín o meu fillo, só meu. Cando te enteraches si que me bicaches, me abrazaches, me aloumiñaches sen sequera pedirme perdón, coma se nada pasase.
Agora non o podo crer; conformeime!! Conformeime con dous aloumiños, conformeime!! Parece incrible, conformeime cun bico despois de dez labazadas e cun “quérote” despois de cen “puta”. Sí, conformeime. Todos os golpes quedaron dentro de min, ocultos no meu corazón, porque sempre calei, e nunca (ata o de agora) che puiden dicir nada.
Chorei. Chorei como nunca antes o fixera. Berrei na miña profunda soidade e para os meus adentros e no canto de odiarte amábate máis e máis.
Cada noite, antes de que volveras do traballo tremía, tiña medo de se a comida non estaba ben quente ou a cama ben feita e me berrabas, e me pegabas. E a cama e a comida estaban ben feitas, foi o meu pelo o que para ti non estaba ben aquel día, aquel día no que sentín a morte a dous segundos de min.
Sempre pensei que cando un home lle pega a unha persoa que ama é porque non sabe o que fai, porque ten algún problema ou porque está bébedo. Pero ti non eras así, sabías ben o que facías malia non saber todo o dano que en realidade producías en min. Eu enganábame, mentíame a min mesma, pensando que cando me golpeabas o facías sen ter consciencia. Pero aquel día superou todos os límites, aquel día no que me ameazaches co ferro de pasar. Recórdoo como se me estivera a pasar agora mesmo. Eu estaba pasando o ferro e ti puxécheste a berrar, non che gustaba como estaba amañada, segundo ti non valía para ver, non merecía ter un marido coma ti ,agora douche a razón, nunca merecín que ningún home me puxese unha man enriba.
Eu, parva de min, pedinche perdón, sabía que dese día non pasaría, que era o meu final. Cada palabra que pronunciaba parecía poñerte máis nervioso, máis enfadado, ata que me tiraches e me ameazaches con queimarme a cara co ferro. Estaba a un centímetro de min, sentía a súa calor na miña meixela e nun instante reaccionei; que facía eu debaixo dun home que non merecía o amor de ninguén? debaixo dun home que me maltrataba, debaixo dun ser desprezable? E pensei en saír de onde estaba, poderíasme matar igual se fuxía pero que podía perder? Xa non me unía nada a esta vida, así que xuntei forzas, saqueite de enriba e fuxín.
E ata o de hoxe, hoxe, cando os recordos son amargos e as marcas da túa brutalidade permanecen na miña pel. Agora póñome a pensar e doume de conta de que eu para ti non era unha muller, era un trapo co que poder desquitar as túas frustracións. E eu, que non me daba conta de que non vivía un matrimonio nunha casa feliz, senón un engano nun cárcere.
Agora o único que podo sentir por ti é lástima, e despois de todo o que me fixeches vivir e de todo o que lograches espertar en min só che podo dicir:
Adeus.
4 comentarios:
Noraboa, Evinhaaaaaaaaaaaaaa!!!
Un bico desde Redondela!
Eva, definitivamente estou orgullosa de ti!! Eu cando sexa maior quero semellarme a ti!
Moi bonita a carta, preciosa!
Flipante a tua carta evinha,eu xa che daba o primeiro premio(e repartiamos os cartos)!!!!!!jej
pero non konocia eu esta faceta tua!!jeje!kedei abraiado!!!!!!!!!
wen disfruta o premio(se keres copartilo comigo non me importa)
bkñs!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
do teu admirador secreto!!xDxD
evinha eres flipante eu sempre souben que tiñas madeira de artista...
Publicar un comentario