Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/11/07

Persépolis

Non tiven aínda a oportunidade de ver a película (como toda boa película dubido que chegue á miña vila), pero segundo as críticas, paga a pena. Pero mentres, lede o cómic de Marjane Satrapi. A historia recente do Irán é moito máis doada de entender: non deixa de ser a mesma arrepiante fórmula do exterminido dos que non pensan coma nós.
Persépolis é a historia autobiográfica desta iraní, a historia de como medrou nun réxime fundamentalista islámico que a acabaría levando a abandoar o seu país. O cómic comeza a partir do ano 1979, cando Marjane ten dez anos e desde a súa perspectiva infantil é testemuña dun cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do sha de Persia e dá paso a unha república islámica.
Ademais de diferenciarse dos demais nenos por ser educada ao estilo occidental dentro dunha familia de clase alta e por uns pais de ideoloxía progresista e partidarios do islamismo moderados, a protagonista ten unha considerábel inquietude intelectual para unha nena da súa idade e unha notábel imaxinación que a leva a manter conversas con Deus -para ela moi parecido a Karl Marx- ou a leva a soñar con chegar a ser algún día a última profeta que siga os pasos de Xesús e Mahoma.
A historia duns antepasados ilustres, unha familia que se opón ao goberno do Sha, as manifestacións, a diferenza de clases sociais ou a marxinación da nena son pezas deste puzzle. Medrando, Marjane percátase de que o novo réxime islámico polo que loitaron os seus pais caeu en mans dos integristas e iso non trae nada bo...

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.