Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/12/07

D. H. na aula: Diamante de sangre

En 4º de ESO vimos esta semana o filme Diamante de sangre (Blood Diamond) do ano 2006. Dirixida por Edward Zwick, e interpretada por Leonardo DiCaprio, Djimon Hounsou, Jennifer Connelly, Michael Sheen..., película que nos serve para reflexionar sobre a explotación occidental en África e os nenos-soldado. O mundo occidental aproveita as riquezas dos países menos desenvolvidos atropelando ás súas xentes, sen importar as vidas que se poñen en xogo e destruíndo futuros; esta película reflice o que somos capaces de facer por cartos e ao mesmo tempo é un canto de amor fraternal. É tamén unha historia repleta de miserais e horror. Horror dos nenos soldado que en África seguen a ser carne para a máis desalmada violencia. Horror por saber que esas pedras preciosas que o mundo rico viste están na realidade cheas de sangue. Horror por unha guerra tremenda que entre o ano 1991 e o ano 2000 saldouse con miles de vidas en Sierra Leona. Por suposto, non esquezamos: película americana que sempre tenta vendernos a moto: só un deles é quen de arranxar o mundo, o suposto "malo" sacrifícase pola causa xusta, e a crueza da historia suavízase cando a familia do protagonista negro sálvase. Non deberiamos esquecer que África está como está por culpa dese poder que todo o mundo ansía. E os que non o ansiamos miramos para outro lado...
Vouvos traer un comentario dunha persoa que parece coñeceu de primeira man a rodaxe da película porque me parece máis que interesante, demoledor:
"A produción da película americana foi subcontratada a produtoras baratas e cómodas: toda a parte que representaba cidades, poboados e extras negros rodouse en Mozambique; o barco típico dos pescadores, o "Dhown" é propio da costa Swahili, e non da costa atlántica do golfo de Guinea, onde se sitúa Sierra Leona.
Durante a rodaxe separaban aos extras brancos e negros durante as comidas de cátering que ofrecían. Cortaron moitas escenas, como unha na que se vía un helicóptero con alimentos da ONU sendo descargado por homes brancos... un mozambiqueño comentou que en África xamais viran aos brancos descargar, e menos para axuda humanitaria.
Os diamantes non empezan nin acabarán sendo de sangue con Sierra LEona, a realidade é máis dura que a extracción dunhas miles de pedras preciosas por señores da guerra nun ou noutro país de África. A realidade esténdese a todas as extraccións habidas no pasado, presente e futuro de países con reximes de apartheid (Sudáfrica), con extracción case-escravista (África, India, Indonesia, Brasil), con políticas de expulsión de tribos, persoas ou asasinatos en zonas diamantíferas (Bostwana, Namibia, África Occidental, Sudáfrica, Angola, Zimbabwe), conflitos armados alimentados e/ou xerados polo control dos mesmos (Sierra Leona, Angola, Liberia, R.D. Congo, Gabón, Camerún, Ghana, Guinea...) son séculos onde o home é maltratado por eses diamantes que tanto locen"



7 comentarios:

Anónimo dixo...

Foi unha peli moi moi bunita!
O que menos m gustou foi ver os nenos-soldado, sentín unha cousa así rara ao ver nenos pequenos con armas matando homes... :(
E cando o fillo do protagonista non recoñecía ao seu pai...
A verdade é que é unha pelicula moi triste, aínda que é real.
O que pasa é que eu nunca me parei a pensar que todas estas cousas eran... non sei, tan así...
Pero o máis bonito é cando Leo Dicaprio morre por axudar ao home e mais á sua familia!
Se eu xa sabía que non era malo!

Anónimo dixo...

Encantoume esta película, é perfecta para mostrar o sufrimento que pasan as persoas neses lugares. Tamen con ela sabemos como sofre a xente por culpa dos diamantes, xa que capturan á xente para que busquen diamantes nas minas.

Anónimo dixo...

Ai, foi preciosa, ata choramos...
Leonardo Dicaprio boísimo,jeje, e a película en si, moi moi interesante.
O de leonardo idea de Thalía, jeje.
Conta como é a vida de moitas persoas de África que teñen que vivir condicións moi degradantes para sobrevivir, como traballar nas minas ilegais de diamantes.

Un bikiño, Lorena, Thalía e Carla.

Anónimo dixo...

A min o que non me gustou da película é ese enfoque tan...tan de película americana; o tema no que se baseaba é moi interesante e moi triste pero a película deixa moito que desexar, a pesar de que non me parece que sexa mala, eu tamén me emocionei, só que é así...MOI AMERICANA,xa o dixen.

Anónimo dixo...

puf eche o carallo. estes non fan nada nas clases ( ven peliculas) e como por arte de maxia aproban todos, ata as raparigas que non falan en galego nunca, weno weno weno, que ben amaestrados os tes, gracia

Anónimo dixo...

por certo, estaba sendo cínico, por se non se notou

Anónimo dixo...

Andrea, eu non criticaría unha película polo feito de ter un enfoque "americano". É certo que os americanos fixeron cousas pouco recomendábeis, pero son tamén autores de películas marabillosas. Americanos son Woody Allen, Jim Jarmusch, Robert Altman, John Ford... Agora que estamos no Nadal, propoño abrir os agasallos sen quedar só co envoltorio.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.