Chegou o momento querida compañeira!
Despois de tanto e tanto rogar, esta sección ten o pracer de acoller nos seus brazos aos máis talentosos na arte da improvisación. De todos aqueles artistas que gozan co simple feito de transformar unha melodía ao seu gusto. Estamos a falar dos músicos de jazz.
Este estilo musical nace a finais do século XIX en Estados Unidos e expándese de xeito global ao longo de todo o século XX. A súa historia caracterízase tanto pola súa constante asimilación doutras tendencias musicais estilística ou culturalmente alleas a el, coma pola súa capacidade de xerar outros estilos musicais, coma o rock & roll, que terminarían por evoluír de xeito independente.
O jazz caracterízase por eludir a execución das interpretacións a partir da lectura fiel dunha partitura: a base da interpretación jazzística é a improvisación, aínda que en si mesma non sexa a súa única característica. En calquera caso, agás algunhas veces, improvisar significa que o intérprete recrea libremente o tema en cada execución do mesmo sobre unha determinada estrutura harmónica, xa sexa en directo ou nun estudo de gravación: a melodía é só un pretexto para desenvolver unha posible interpretación da mesma. Neste senso, a música jazz céntrase máis no intérprete que no compositor.
Esta subordinación da melodía, o factor máis valorado, por exemplo, na música pop, respecto á liberdade creativa do artista, afastou historicamente o jazz dunha presenza comercial masiva.
Propoñémosche pois que acendas os altofalantes do teu ordenador, prepares un saboroso café e roubes uns minutos ao teu estrés habitual para gozar co talento de MÚSICOS en maiúsculas como Charly Parker, Dizzy Gillespie ou Louis Amstrong.
Benvid@ ao marabilloso mundo da improvisación!
Benvid@ ao marabilloso mundo da improvisación!
Sen comentarios
Publicar un comentario