Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/12/07

O desxeo acelérase

Groenlandia perde o dobre de xeo do que hai nos Alpes. Parece que xa non hai volta atrás: a illa máis grande do mundo derrétese. E faino ás carreiras. O último estudo realizado advirte que Groelandia perdeu no último ano o dobre de xeo que acumulan os Alpes. Son as conclusións de Konrad Steffen, director do Instituto Cooperativo para a Investigación en Ciencias Ambientais da Universidade de Colorado.
O manto de xeo derretido no 2007 superou nun 10% a dos dous anos anteriores e é a maior perda rexistrada desde que comezaron en 1979 as observacións desde satélites. Ese fenómeno acentúase na parte occidental de Groenlandia, onde a desconxelación aumentou un 30% entre 1979 e 2006. As temperaturas no manto de xeo de Groenlandia subiron desde 1991 polo incremento de gases que causan o efecto invernadoiro na atmosfera terrestre.
Se ben a cuberta xeada de Groenlandia espesou en elevacións máis altas debido ao aumento das nevadas, este incremento é compensado de sobra pola aceleración da perda de masa e pla redución acelerada dos glaciares nas costas.
Algúns glaciares próximos amosan un incremento na velocidade de fluxo de ata o 50% durante o período de derretemento no verán boreal como resultado da filtración de auga cara ao leito xeado. O 80% da superficie de Groenlandia está xeada e sostén case unha quinta parte do xeo da Terra, o que equivalería a unha subida de 6,5 metros no nivel do mar.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.