Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/01/08

Poetízate

Lemos poesía. Tentamos amar a poesía. Tentamos aprender a ler poesía. Tentamos escribir poesía. Tentamos ilustrar poesía. Tentamos coñecer poetas. Tentamos perderlle o medo á poesía.
Poesía. Non vou volver sobre as palabras de Fran Alonso motivando para lela, sentila, rila, chorala... Vouvos deixar, porén, as palabras de Carlos Negro:
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Eduardo Galeano, que a voz humana ten aínda moito que celebrar, e que canta por encanto.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Luísa Villalta, que hai nela unha vibración íntima da materia, un tantán de tambor arcaico e primixenio.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Antonio Gamoneda, que procede dun fulgor descoñecido e que opera como un lóstrego irracional que fende os ferrollos do pensamento.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Ana Romaní, que cómpre, palabra a palabra, recuperar os camiños, pórlle nome ao labirinto e navegalo.
Se me preguntasen pola natureza da poesía, diría, con Kirmen Uribe, que ten sabor a onza de chocolate, e que baixo unha aparencia escura, resulta dóce ao contacto coa lingua.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Lupe Gómez, que hai catro cabalos na miña habitación danzando.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Eugenio de Andrade, que é unha nena que anda cos pés descalzos pola beira do mar.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Rosalía de Castro, que cando se arrinca das entrañas, sangra polos pulsos e bota sombra pola boca.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Celso Fernández Sanmartín, que hai cen gaiteiros da outra banda do río.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Sylvia Plath, que peta forte e seco como un golpe de machado na madeira, cunha resonancia que se despraza desde o centro, e estala en ecos de cabalos sen xinete.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Fran Alonso, que non existe mellor antídoto contra as dores de amor e as de cabeza, contra as malas caídas e as caídas de ánimo, contra os andazos que enchen de febre as frebas máis íntimas.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Charles Bukowski, que debería ser como a manteiga, os aguacates, o bisté ou o pan recén saído do forno, como os aros de cebola ou aquilo que se precisa de verdade; debería ser como se as palabras se puidesen coller para comelas.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Celso Emilio Ferreiro, que nos fala a todos como irmáns, e que non precisa nin de alturas nin de altares.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Vicente Huidobro, que case sempre resulta un pouco isonauta, monlutrella e mandotrina, e por iso tralalí tralalá.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Vladimir Holan, que vas cos ollos moi abertos e, de súpeto, resultas derrubado pola xigantesca realidade das cousas que foron soñadas.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Mahmud Darwish, que un pouco do absoluto azul infinito abonda para aliviar a angustia deste tempo, para lavar a lama deste espazo.
Se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Antía Otero, que a liberdade comeza cando as sabas son limpas.
Por último, se me preguntasen pola natureza da poesía diría, con Álvaro Cunqueiro, que algo vibra no noso interior como unha corda de viola no silencioso salón dun pazo deserto.

E achegámonos a ela grazas a un agasallo de Fran Alonso: o seu libro Poetízate. E debemos por suposto dar as grazas a nosa benquerida amiga Rosa Salgueiro pola súa aportación xenerosa para traballar o libro.

Mañá Fran Alonso acompañará ao meu alumnado de 4º de ESO para falar de poesía. Desinteresada e xenerosamente, achegarase ao noso centro para poetizarnos.

1 comentario:

Thalía dixo...

Hai poemas que me fixeron unha lectura agradable.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.