Estremezámonos ante estas barbaridades humanas, pero profiramos algo máis ca un simple lamento... Como podemos mirar para outro lado mentres todo isto sucede?
China Keitetsi escribiu "Oíronse as primeiras ráfagas de Ak 47, o que significaba que era hora de matar... Cando entramos no campamento, xacían (...) as bestas, os homes e as mulleres. Todos mortos" dez anos despois de fuxir do Exército Nacional de Resistencia de Museveni, en Uganda, que a recrutara con só oito anos. Escribiu Mi vida como una niña soldado (Ed. Maeva) como terapia, en Dinamarca. Tiña que aprender a querer: "A querer. A sentir algo polos demais. A ser muller, a deixar medrar o pelo, a pór pendentes... e sobre todo, a aprender a amar aos meus dous fillos". Ser nena soldado é aínda máis terrible que ser neno: "Entre tanto home, ti tamén eras un obxectivo. Aos 15 anos era incapaz de lembrar cantos homes abusaran de min".
Matar e morrer. Avergóñase de ter feito cousas terribles, das que non quere falar. E tenta coñecerse. Percorre o mundo contando a súa historia, pedindo aos Gobernos que traballen para que non haxa máis casos coma o seu. Fundou un centro en Ruanda para acoller a ex nenos e nenas soldado, quizais a obra máis importante da súa vida, xa que por fin sente que lle importan os máis, que os quere.
No mundo hai preto de 500.000 nenos combatendo en case todos os principais conflitos do mundo.
Sen comentarios
Publicar un comentario