Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/02/08

Vertedoiro electrónico

China é a "fábrica global" da que proceden a maioría dos produtos que se consomen no planeta, pero tamén o vertedoiro de lixo mundial ao que van parar cando xa non son útiles. Isto é o que ocorre en Guiyu, cidade situada na provincia de Guandong, ao sur do país, que vén de se converter no maior vertedoiro de lixo electrónico da terra.
Nas súas rúas amontóanse montañas de até cinco metros de alto de ordenadores vellos, televisores coas pantallas destrozadas, equipos de música pasados pola trituradora e todo tipo de electrodomésticos esbanzuchados. Panorama desolador.
Dos 150000 habitantes de Guiyu, o 95 por cento da poboación gáñase a vida co lixo electrónico, xa que a cidade é un vertedoiro enorme ao ar libre e todas as casas son á súa vez talleres onde se abren os ordenadores e se desmontan os aparatos electrónicos sen ningunha medida de seguridade. Por uns 50 yuanes ao día (5€), emigrantes doutras provincias máis pobres pasan toda a xornada sentados nun tallo e furgando co seu desparafusador nas tripas das vellas computadores e dos electrodomésticos.
Coas súas mans, e sen utilizar luvas nin máscaras nin traxes especiais, arrancan os cables e os tubos catódicos das pantallas, abren o tóner de tinta das impresoras e rocían con ácido nítrico os chips e microprocesadores para extraer o seu ouro. Ademais, queiman no campo ou na beira do río os cables de PVC para sacar cobre e outros compoñentes dos que poden aproveitarse plata e metais.
Debido aos numerosos compoñentes tóxicos que teñen tales aparatos, como chumbo, cadmio ou mercurio, este labor supón unha auténtica temeridade e un gran risco para a saúde destes traballadores, que ao mesmo tempo están a provocar un desastre medioambiental que estoupará proximamente en forma de enfermidades e polución.
Os niveis de dioxinas de Guiyu son os máis altos do mundo. Os traballadores que operan co lixo electrónico están xa tan afectados por ditas substancias tóxicas -que son canceríxenas e danas o metabolismo- que as súas concetracións de dioxinas no corpo son entre 50 e 200 veces superiores ao normal.
Mentres, enchen o estómago. Que é o máis inmediato.
Arredor da chatarra de Guiyu proliferou unha industria perfectamente xerarquizada e especializada. Así, os grandes importadores de lixo electrónico traen os ordenadores vellos á cidade e os pequenos talleres, agrupados en gremios segundo as pezas que traballen, cómpranlles os compoñentes que máis lles interesan para reciclalos e vendelos logo a outros comerciantes ou técnicos que reparan computadoras. Final e volta a comezar.
Mentres haxa nalgún lugar ricos xerando lixo, haberá pobres dispostos a deixarse a vida para aproveitar os seus detritus tecnolóxicos, xa que nunha tonelada de ordenadores vellos hai máis ouro recubrindo chips e microprocesadores que o que se pode obter con 17 toneladas de ferro de ouro.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.