Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/03/08

Día Mundial da Auga

O Día Mundial da Auga é unha ocasión única para lembrar que mentres nós menosprezamos un ben tan fundamental para a nosa vida, moitas persoas no mundo non teñen acceso á cantidade de auga potable necesaria para a súa supervivencia. Nun mundo que está cuberto nas súas dúas terceiras partes por auga, pode parecer un contrasentido falar de que o difícil acceso á auga potable é a causa de enfermidades e miseria para 1500 millóns de persoas.
Existen tantos xeitos de considerar, utilizar e conmemorar a auga como tradicións culturais arredor do mundo. Sagrada, a auga sitúase no centro de numerosas relixións e utilízase en diversos rituais e cerimonias. Durante séculos, a auga foi fonte de inspiración para a arte, a música, a pintura, a literatura e o cine. Constitúe un factor esencial en diversos ámbitos científicos.
Cada rexión do mundo ten o seu particular xeito de consagrar a auga, pero todas recoñecen o seu valor e o lugar central que ocupa na vida humana. As tradicións culturais, as prácticas indíxenas e os valores sociais determinan o xeito en que as poboacións perciben e xestionan os recursos hídricos nas diferentes rexións do mundo.
A auga, ou máis ben a súa escaseza, é tamén un factor diferencial de sexos: unha de cada catro nenas non remata os estudos primarios fronte a un de cada sete nenos. A explicación ten que ver coa auga: as mulleres e as nenas dos países máis pobres adican unhas 40000 millóns de horas ao ano en ir buscar auga, en moitas ocasións a lugares distantes e perigosos. Nestes países os varóns non realizan este cometido.
O mapa que ves amosa a precipitación anual promedio, en milímetros e pulgadas, do mundo. As áreas verde claro poden ser consideradas "desertos"... fíxate en Groelandia e na Antártida!


Propoñémosche un xogo interactivo de Unicef, non tes máis que pinchar na imaxe e aprenderás xogando a importancia da auga e do seu aforro:

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.