Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/03/08

El librero de Selinunte


El librero de Selinunte de Roberto Vecchioni é o último libro que lin... canto tempo sen ler! Esperaba moito máis del, porque lera unhas críticas boísimas, e sempre sucede o mesmo: é mellor achegarse sen referencias.
É un conto, unha metáfora sobre as palabras. Como sen os libros non somos ninguén, porque sen eles perderiamos o poder evocador das palabras. O libreiro é un individuo sublime que sementa as palabras sen preocuparse do lugar en que caen. O malo é que a xente ten tanto recelo ao diferente que se sume na súa propia ignorancia. Todos agás o protagonista, contador da historia, único nese mundo sen verbas; só el terá capacidade para gardar para sempre no seu interior o poder que confiren as palabras, xa que os seus conveciños renegaran delas ata caer na existencia pobre do que vive sen elas.
Este libro é un canto á palabra, ao amor que sente este escritor por elas, un canto aos libros e a todas as historias escritas neles que nos contan a vida e a existencia atravesando o tempo e as épocas.
Como sería a nosa existencia sen palabras? Sen poder expresar o que sentimos, o que nos sucede, o que queremos contar? O cariño, a ira? Cantas situacións pode cambiar unha palabra?



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.