Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.
A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.
Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.
En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.
A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".
No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.
A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.
Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
1 comentario:
Celebro que sexa a súa vida e parte da súa obra quen abra as nosas publicacións e actividades do Día da Muller Traballadora 2008.
Que ós nosos alumnos e alumnas de hoxe non lles pase como a nós e teñan que agardar un fiexe da anos para descubrir, tal vez por casualidade, a súa obra.
olga
Publicar un comentario