Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/04/08

La muerte lenta de Luciana B.

A última obra de Guillermo Martínez é La muerte lenta de Luciana B., obra de corte policíaco que nos brinda a posibilidade de elaborar as nosas propias conxecturas: o lector vese na obriga de decidir que é real ou non entre as propostas que plantexa o propio autor. O enigma que aboia sobre todo o relato é chegar a descubrir se as mortes que se producen son accidentes ou asasinatos. E o final suspende sobre unha incerteza case demoníaca: detrás de toda a trama, escóndese a figura sinistra do demo, do maligno.
É unha novela que se deixa ler, facilmente, pero nada máis, desde o meu punto de vista. A mestura matemático-filosófica con investigación policial é, sen dúbida, unha boa idea, aínda que a min sóame a coñecido, a recursos xa manidos no cine e na propia literatura. Non creo que sexa unha gran novela, desde logo, aínda que estou segura de que a moitos de vós, lectores e alumnos, gustaravos (e penso en persoas concretas, claro).
O escritor afirma que a novela plantexa o dilema entre a xustiza como reparación social e o desexo de vinganza persoal, pero tamén o azar e a casualidade como explicación dos feitos, ademais dalgunhas discusións estéticas.
O libro, afirman os críticos, ten certo parentesco con Otra vuelta de tuerca, de Henry James. "Es uno de mis escritores imprescindibles y por ello aparece citado a lo largo del relato".

1 comentario:

Anónimo dixo...

Xa rematei o libro
está moi ben de Deus...
Por certo Manuel Rivas naceu na Coruña pero vive en Vimianzo, porque me pareceu oirche dicir que vivía na Coruña.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.