Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/04/08

Medrar en Palestina

Ser neno ou nena en Palestina non é fácil. Nacer en Gaza é non ter futuro, non ter esperanza. Nacer nun check point (pasos fronteirizos que dividen os territorios entre Palestina e Israel) marca a non-liberdade. De 51 nacementos en check points só 22 salvaron a vida.
Cada día, espertar co son da guerra, co son da grúa que vén para derrubar a propia casa: as autoridades israelís levan decenios aplicando a política de destruír as vivendas da poboación palestina en todos os Territorios Ocupados. Amnistía Internacional ten denunciado que desde o ano 2000 este feito deixou a decenas de miles de palestinos na indixencia.
Os nenos palestinos viven nun contorno cheo de traumas como son a morte, seren testemuñas da violencia, de bombardeos e demolicións das súas casas. A maior parte deles desenvolven a Síndrome do estrés postraumático, enuresis... Un 55% dos nenos e nenas palestinos sufriron o impacto de seren testemuñas da vexación e humillación de seus pais por parte do exército israelí, o que lles supón un tremendo golpe psicolóxico en termos de desolación, medo e frustración ao comprobar que seus pais son persoas vulnerables que xa non poden protexelos. Un 80% da poboación infantil palestina viviu en primeira persoa a demolición da súa propia casa ou a dun ser querido, amigo ou familiar.
Esquivan as balas mentres van ao colexio, mentres camiñan custodiados por militares, mentres levan mochilas con escasas pertenzas, mentres escoitan as vexacións que os colonos lles infrinxen a cotío coa escusa de que pasan polas súas propiedades. Porén, están convencidos de que a educación lles permitirá cambiar o seu destino: a educación constitúe para o pobo palestino unha forma de resistencia.
Ás veces, alumnas palestinas son agredidas de camiño ao colexio por estudantes xudías. Con total impunidade. E non por isto deixan de asistir ás clases.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.