Urbano Lugrís nace en Sada (A Coruña) en 1908. Fillo do xurista e escritor Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega e a pianista Purificación Gómez, vive a súa infancia nun ambiente intelectual distinguido na Coruña.
Cursa estudos de Peritaxe Mercantil, que nunca lle interesarán a quen nin sequera soubo levar as contas da súa propia vida. Ao iniciarse a República se indetifica, en Madrid, coa mocidade intelectual. Ten amizade con García Lorca, con Rafael Alberti. Fantasea coa súa vida e dise compañeiro de Ismael e do capitán Ahab na aventura de Mobby Dick. Sabe de memoria A Odisea e sostén que regresa á batalla de Pavía, onde estivo ao servizo do césar Carlos, o melancólico emperador do mundo, a quen de seguro xa retratou imaxinariamente.
Vincúlase ás Misións Pedagóxicas, experiencia cultural inesquecible, histórica, e da man de Rafael Dieste percorre España co Teatro de Monicreques, onde fai «cristobitas», imita voces, pinta decorados.
Finaliza a guerra civil e comeza a pintar murais. Nace o seu fillo Urbano, que será mariño inicialmente, vello desexo paterno incumprido, e ao fin pintor, como o pai, e tan próximo ao pai en mundo e estilo. Urbano, Lugrís, xigantón, tímido, ás veces agresivo, cabaleiro á vella usanza xeneroso do seu tempo, desprendido aínda do que non posúe, vive en Madrid a procura da gloria. Decora ambientes do rimbombante Instituto de Cultura Hispánica. O seu mundo mítico impresiona. A súa tarefa de pintor «de cámara», como asinaba de broma moitas veces, lévalle, nada menos, que a decorar os camarotes do iate «Azor», unidade da Armada transformada en barco de recreo para o Xefe do Estado, quen felicita ao pintor nun encontro que tivo mil versións corrixidas, polo propio protagonista e por aqueles que escoitaron a anécdota. A punto está de marchar á República Dominicana, nos tempos da ditadura de Trujillo, animado por Sánchez Bela, xerifalte da Cultura Hispánica e da cultura oficial franquista.
En Vigo deixou amigos: industriais, escritores, pintores. Decide ir a Vigo e realiza unha primeira exposición de debuxos na desaparecida sala Foto Club. A súa experiencia de ilustrador viviuna intensamente, anos antes, en Faro de Vigo, en publicacións ocasionais e na gran aventura cultural galega que foi «Atlántida», xunto a Mariano Tudela e José María de Labra.
Morre a súa esposa Paula, coa que tivo dous fillos. Evócaa constantemente, na intimidade do faladoiro da taberna de Eligio, algo así como a súa segunda casa, se é que tivese primeira, que ninguén lle coñecía. Pinta pouco. Debuxa moito. Fala máis e bebe moito máis, aínda que todo era pouco para a súa recia humanidade. Era marabilloso na arte de perder o tempo.
Proxecta traballos que non realiza. Incumpre encargos que forzou. Aumenta a soidade, a pesar de reunirse con artistas e escritores. Prefire a compañía da mocidade, das novas xeracións que ven nel un mestre absoluto, porque sabe cousas raras e precisas que non están nos libros. As dos libros sábeas todas.
Algunha escapada a Santiago e A Coruña. Apenas pinta, a pesar de que lle animan amigos como os Beiras, os Álvarez Blázquez, Antón Patiño. Non ten présa por cobrar o pouco que pinta, ou o regala, porque lle bastan uns poucos duros para subsistir nunha existencia de caída case vertical.
O seu carácter cordial se agría. A súa entidade física redúcese. A súa saúde empeora. É internado no Hospital Municipal e morre a véspera de Noiteboa de 1973.
A obra de Urbano Lugrís foi valorada tardiamente. De todos os xeitos, hai excelentes exemplos nos Museos de Galicia, en institucións públicas e en coleccións particulares.
Lugrís foi un surrealista tardío, desde logo non o único nin o inicial dos surrealistas galegos, posto que se anticiparon o primeiro que desa corrente soubo, Cándido Fernández Mazas, e o seu paisano Eugenio Granell. Pero o ourensán non tivo tempo de callar a tendencia, e o segundo expresouna en América. Por iso, para moitos, Lugrís era e é o surrealista galego por excelencia.
En realidade era un goticista fóra de século. O seu mundo estilizado, a exactitude da súa liña, a fantasía do seu mundo plástico, deliberadamente decadente e sobrecargado de literatura, fano inconfundible. Gustoulle posuír a perfección do oficio de Van Eyck. Amaba a Magritte, a Ernts, a Picabia. Realmente, a súa pintura é, como un día se dixera da de Gregorio Prieto, tan distinto, «poesía en líña».
Vía Iniciarte
Sen comentarios
Publicar un comentario