Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/05/08

Inmortalidade

O outro día lin un artigo que me pareceu moi interesante sobre a lonxevidade, esa coa que o ser humano soña desde os principios dos tempos. E parece que vai conseguindo algúns logros, comparando a media de idade actual coa de hai cen anos. De todos os xeitos, nada que se asemella ao que vos vou contar:

Revistas científicas fixéronse eco do descubrimento de evidencia do que podería ser o ser vivo máis lonxevo coñecido, unha conífera norueguesa que posúe un sistema de raíces con restos en estratos correspondentes a 9550 anos de antigüidade. Pero hai ademais outros organismos record en termos de lonxevidade:
Pando, un bosque de álamos trementes radicado en Utah (EEUU), tamén coñecido como o xigante tremente. Pando é unha colonia clónica de árbores que comparten o sistema de raíces. Todos os membros da colonia teñen o mesmo perfil xenético, o que unido á compartición das raíces xustifica pensar na colonia como un único organismo, do que cada membro clónico sería só unha extremidade. Este organismo, cunha extensión de 43 hectáreas, ten unha idade estimada de 80000 anos.
Sen ir tan lonxe, hai un formidable exemplo de colonia clónica en Ibiza: trátase dun exemplar de Posidonia oceánica, unha planta mariña de 8 quilómetros de lonxitude e uns 100000 anos de antigüidade.
Hai outro organismo que case se pode considerar inmortal. Trátase da Turritopsis nutricola, unha hidromedusa que ten a fantástica capacidade de reverter o seu estado adulto e converterse de novo en pólipo. Este proceso pode repetirse indefinidamente, o que a efectos prácticos supón que un exemplar nunca morre. O proceso polo que se produce unha nova diferenciación de células xa diferenciadas denomínase transdiferenciación, proceso polo cal algunhas especies animais conseguen rexenerar algúns dos seus órganos. Porén, a completa volta á infancia desta medusa é realmente excepcional.

Vía La Singularidad Desnuda

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Pois si que é curioso...
E xa que andamos superando marcas, sabedes cal é o ser vivo que máis extensión ocupa?. Pois é un fungo (algo así como unha seta, pero incluíndo o ser vivo que dá lugar á seta -que só é o corpo reprodutivo do fungo- e que se atopa soterrado formando unha maraña de filamentos chamada micelio) que ocupa case 900 hectáreas e ten unha idade de 2400 anos.
Este fungo, de nome científico Armillaria ostoyae (tamén presente na nosa terra) está no estado de Oregón e vive parasitando a coníferas.
A que é realmente curioso?. Observade a natureza, ensinaranos a admirala, a ser máis humildes e a entender que nela está o noso sitio porque dela formamos parte.
Cando a coñezamos máis xa non volveremos a facernos preguntas do tipo: e onde crecerá a árbore das hamburguesas?
Saúdos.

Anónimo dixo...

É incríbel todo o que viviron estes seres vivos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.