Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/06/08

Fin de século en Palestina


Rematei onte este libro de Miguel Anxo Murado, que non é novela, aínda que si Literatura, e que vos recomendo vivamente. Con el, creo que este escritor adquire nome propio e relevancia suficiente para telo en conta con letras grandes no panorama da Literatura Galega actual. E é que contarnos todos os horrores dun conflito vivido durante cinco anos, os mortos e os atentados de cada día, os medos, as persecucións, as situacións surrealistas, contarnos todo isto, repito, cun sentido de humor envexable, creo que é case misión imposible, da que Murado sae vitorioso e sen rabuñadas.

En palabras de Rubén Ruibal:
Gústame esa mirada, como el mesmo di, dende o punto de vista do coro grego, o periodista que vive o conflicto e cre estar fóra, sentado no trono papal. Gústame esa prosa que dende o principio, aínda con algún momento baixo, tensou as miñas pálpebras. Gústame ese humor escéptico, tan triste e tan noso, baseado as máis das veces na pura contradición e no intento que sabemos van de vencer ás sombras, gústame esa progresión na recreación do sensentido, da violencia continua, do conflito de portas pechadas, ese retrato antiimpresionista dos bandos, das xentes, das ideas, das fes...

O dito, se tedes oportunidade, co verán por diante, podedes achegarvos a un dos conflitos máis longos e penosos da nosa historia recente, onde a palabra PAZ vive esquecida nesa terra que se supón berce de deuses que a predicaban.

1 comentario:

Thalía dixo...

Recomendo, este é un libro moi entretido e do que podes aprender moito.
Podo decir que as tarde do clun de lectura son inmellorables.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.