Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/07/08

Os ollos de K

Os ollos de K de Riveiro Coello, a miña última lectura, é unha incursión na novela negra dentro da literatura, xa que esta convértese en protagonista dentro da propia novela, con acenos á literatura kafkiana e con xogos de metaliteratura, mesturando realidade e ficción nun xogo que chega á confusión, ás veces un pouco forzado. Pero é unha novela que está ben, engancha e é recomendábel, coma outras deste autor. A reflexión do escritor sobre o feito da escrita, a causa e o efecto da mesma, son do máis interesante da novela. Unha crítica sutil ao escritor vaidoso por riba do ben e do mal, a aquel que non se cuestiona estar un chanzo máis elevado e que non dubida, mesmo, ante o perigo polo ben da escrita. Un escritor vencido pola súa propia imaxinación, que non dubida en deixar ao lector tirar as súas propias conclusións, posto que sabemos que as indicacións do protagonista sobre outros personaxes non son certas. O lector é quen de anticiparse ao propio escritor da novela que hai dentro d' Os ollos de K.
O título é toda unha homenaxe a Kafka e os seus personaxes, como o protagonista se encarga de indicar na súa viaxe a Praga.

1 comentario:

Thalía dixo...

Oooh!! Este libro gustárame moito :D
Recomendo sen dúbida, que é un bo escritor.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.