Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/09/08

Las ovejas de Glennkill


Esta última miña lectura é do máis recomendábel, polo plantexamento, pola orixinalidade, polo humor, pola filosofía, polo surrealismo que supón que sexa unha novela negra cuxos detectives son as ovellas. Las ovejas de Glennkill, de Leonie Swann, é un curioso exercicio literario. A análise que do mundo humano fan as ovellas convértese no máis interesante da novela, con frases e momentos verdadeiramente sublimes, sobre todo tendo en conta a idea das ovellas que os humanos temos. Pero non son ovellas transformadas: son simplemente animais que saben escoitarnos pero que procurarán informarnos ao seu xeito, é dicir, seguen a conservar sempre as súas características de animais. Algunhas das conclusións das ovellas: os humanos non teñen alma, porque é ben sabido que a alma está no olfato e os humanos teñen este sentido atrofiado; así que, de teren alma, esta é ben pequena. Esta e outras delicias fan a súa lectura máis que unha mera proposición de pasar o tempo agradablemente. En serio. Ou en ovellil.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.