Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/09/08

Limpeza de sangue

Estamos de noraboa: chéganos unha nova colaboración da nosa amiga Rosa. Grazas!


Limpeza de sangue de Rubén Ruibal (Xerais, 2006) pareceume Teatro de verdade, así con maiúsculas, recomendable tamén para todas e todos os que prefirades ver e non ler teatro, porque se nota que o autor pensou no espectador/a pero tamén no lector/a; fixádevos, se non, na elaboración das didascalias. Tematicamente é ousada, dá moito que pensar e fai gala dun sentido crítico digno do mesmo Vidal Bolaño. Os diálogos son ás veces finamente irónicos e outras tan directos e descarnados que sobrecollen. Todos os ambientes e personaxes están moi acabados. E logo está o seu o humor, como unha especie de elemento compensatorio e indispensable para sobrevivir a toda a corrupción que nos rodea. Unha lectura para pensar e divertirse, en definitiva. Déixovos, a modo de exemplo, un fragmento dunha conversa de dous personaxes secundarios, traballadores dun hospital:

O HOME DA LIMPEZA: ¿Ti sabes que García, Juan Carlos García López, o tipo máis burro que pariu cona ningunha sobre a terra, ofreceume un traballo de axudante seu?

O CELADOR: ¿Ese que fai? Hai ben tempo que non...

O HOME DA LIMPEZA: Electricista. Forrado está o cabrón. Veu o outro día á miña casa –de casualidade, eu non sabía que era el, se non polo carallo o chamaba, atopeino pola guía telefónica, ¡electricista!, ¡pum! e chamei-. En media hora, por quitar a luz do edificio e cambiar un cable e unha grampa cobroume cento setenta e catro euros. (...)

O CELADOR: ¡Ai! Tamén tivo que meter os dediños. ¿E se lle salta un trallazo?

O HOME DA LIMPEZA: Está claro que si. Ademais tivo que vir dúas veces: unha pola mañá para “ensaminar a avaría” –ensaminar, dixo el- e outra pola tarde para amañala, porque pola mañá non traía nin a lanterna nin o axudante. (...) Iso si, deixou unha veciña metida no ascensor porque non se deu de conta cando quitou a luz do edificio e alí estivo a muller colgada do oitavo piso ata que Juancarlitos rematou a faena. (...)

O CELADOR: Que cabrón.

O HOME DA LIMPEZA: ¡Home! ¡Algo bo había de ter pagar trinta mil pelas por un cable!

O CELADOR: É que ti fuches a unha universidade destas, ¿como se di?

O HOME DA LIMPEZA: ¿Mala?

O CELADOR: Non, home, non...

O HOME DA LIMPEZA: ¿Como que non? Dígocho eu, mala.

O CELADOR: Barata, home, a unha universidade... ¡pública!, aí está.

O HOME DA LIMPEZA: Pública pode ser, pero barata non era.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.