Segunda entrega da tetraloxía de Philip Kerr, Berlín noir, que sigo a ler. Xa vos falei da primeira, Violetas de marzo. Veño de ler esta segunda, que segue a deixar un regusto amargo pola ambientación, é dicir, pola propia situación alemá daquela época. Tamén teño que recoñecer que me gustou algo menos cá primeira, aínda que segue a ser de lectura áxil e interesante.
Agora toca turno á investigación dun asasino en serio, baixo a sombra dunha posíbel guerra que a poboación rexeita polo baixo. Resulta moi interesante a descrición de personaxes históricos, así como a amálgama de ficción e realidade: situámonos perfectamente no Berlín sinistro de 1938. Quizais o peor do libro sexa o final, un pouco abrupto e cheo de coincidencias.
Pero chegaremos a ler a terceira parte e xa vola comentarei. De momento, resulta unha serie de novela negra diferente e máis que recomendábel.
Sen comentarios
Publicar un comentario