Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/11/08

La muerte de Amalia Sacerdote


O último libro de Andrea Camilleri, La muerte de Amalia Sacerdote, II Premio Internacional de Novela Negra RBA, non é a típica novela negra, xa que non hai ningún detective que queira resolver o caso, se é que hai alguén en toda a trama que desexe facelo, cousa que dubido; isto non é só o atípico da novela, senón que Camilleri abandona o comisario que o fixo famoso, Montalbano -chega ata a nomearse no propio libro- para se centrar nas argalladas da mafia que dominan toda Sicilia. É que o asasinato só é a base da que parte o autor para nos falar delas, do clientelismo, da submisión, do medo, do deixar facer, mesmo dos réditos que se poden tirar dun asasinato que, polo que se ve, non importa a ninguén. O protagonista non é o heroe reivindicador de xustiza, senón que é un personaxe máis enmarañado nesta sociedade á que non vemos solución: unha persoa que se aproveita continuamente e que bebe como o que máis das intrincadas falsidades sociais. Unha novela desenvolvida a base de díalogos e socarronería típica de Camilleri, sen descricións nin apenas narración. Unha obra curta que require unha lectura atenta. Unha lectura, por outra parte, moi recomendábel.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.