Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/11/08

Mal de escola

Resúltame estrañamente difícil abordar o comentario deste libro, a miña última lectura, Mal de escola de Daniel Pennac, polo regusto amargo que me deixou na boca. Amargo, supoño, pola conclusión que del tiro e polas dúbidas que me seguen a rondar, sobre todo enmarcadas nos últimos acontecementos sufridos no instituto que me teñen nunha crise profesional exasperante. Non é fácil. Non é fácil dar amor cando recibes odio. Esta é a conclusión á que nos fai chegar Pennac: educar con amor:

-O que falta non son os métodos, hai moreas deles! Pasades o tempo a refuxiarvos nos métodos, mentres que no fondo de vós mesmos sabedes perfectamente que o método non abonda. Fáltalle algo.
-Que é o que lle falta?
-Non podo dicilo.

-Por que?
-É un xuramento.
-Peor ca "empatía"?
-Sen comparación. Unha palabra que non podes de ningunha maneira pronunciar nunha escola, un instituto, unha facultade ou en todo o que se lles pareza.

-A saber?
-Non, realmente, non podo...
-Veña, anda!

-Non podo dicircho, insisto! Se sacas esta palabra falando de instrución, farás que te linches!
-...
-...

-...
-O amor.


Amor por ensinar. Amor por tentar salvar ao noso alumnado. Amor.
Non sei se é doado para moitas persoas. Realmente, eu amo a miña profesión. Pero...
E que pasa con todo este fracaso escolar que vemos continuamente? Ás veces, estamos desexando que cumpran os 16 para que marchen...; recorremos a PDC, Adultos, Diversificacións... tentamos salvalos da ignorancia como se poida. E non é doado.
Pennac fálanos de que el foi un mal estudante. Que se salvou grazas a tres ou catro profesores, bos profesores, que tiñan esa variña máxica que tod@s añoramos. Pero ollo ao dato: el era un gran lector! Neste momento da miña lectura, parei para pensar nunhas cantas persoas que me soportan como profesora e que non queren nin oír falar dun libro. Ante a miña insistencia, comprobamos que o problema é a comprensión. E imos baixando... ata onde? E non estou a falar dese alumno do que os outros se rin, desa falta de amor de si mesmo, estou a falar doutro problema diferente ao que nos enfrontamos: como podemos facer para salvar a esta parte do alumnado que non só non quere senón que non dá? Máis dúbidas.

Como aconteceu con Como unha novela, creo que todo o profesorado debería ler este libro, do que podemos gozar en galego grazas á editorial Xerais. E xa me contaredes. Eu seguirei a cavilar.

Se premedes aquí entraredes na súa web.



1 comentario:

Cesare dixo...

Se me permites a opinión, creo que cando Pennac fala do amor non fala do amor á profesión.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.