Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/12/08

Magasin Général

Estes tres cómics é do mellor que lin ultimamente. Xunto con Lacernet, Loisel e Tripp pasan a engrosar os meus autores preferidos deste xénero.
Literalmente, encantáronme. Pola sensibilidade, polos debuxos, polas historias, polo trato das persoas, polo retrato das miserias humanas... por todo. Lin tres tomos e agardo a que haxa máis entregas. Desde logo, o terceiro deixounos unhas sorpresas coas que non contabamos, e como di o meu compañeiro Bernardo "eu quería que fose doutro xeito", pero aquí reside precisamente o valor da historia: que non sucede o que o lector quere ou agarda.
A historia trasládanos até unha vila illada do Canadá, sobre os anos 20 do século pasado. No primeiro tomo cóntanos a historia dunha viúva (quen conta a historia e o falecido) que era unha das poucas persoas que non pertencían á comunidade. O segundo tomo céntrase na chegada dun descoñecido e todo o que este aporta na vida do lugar. E o terceito en como se toman os homes a chegada dese descoñecido que parece alterar toda a orde lóxica da súas vidas.
Nas páxinas dos tres tomos contemplamos tanto personaxes coma o seu contorno, todo isto cun coloreado e uns debuxos totalmente evocadores e -creo eu- sensibles. Porque o que máis me chama a atención destes cómics é precisamente isto: o xeito en que o debuxo e a historia son tratadas, cunha sensibilidade tan especial que os autores conseguen facilmente que o lector sinta o frío do inverno e a paixón iniciada dunha viúva que quere seguir a vivir. Mesmo somos quen de pasear tranquilamente por aqueles bosques inhóspitos.
Se tedes oportunidade, paseade entre as súas páxinas, lédeos e disfrutade coas súas imaxes. Non sempre a vida nos ofrece tantos praceres. Digo eu.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.