Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/03/09

O discurso de Anxos

Como veño a dicir, Anxos Sumai foi a elixida polo alumnado gañadora do premio San Clemente pola súa obra Así nacen as baleas. Este é o texto no que se baseou o seu discurso, publicado na revista Festigal hai uns anos e que reproducimos aquí:



Pés e lingua

Ao pouco de nacer os meus pés porfiaban en camiñar polo aire, e a boca xa trazaba coa lingua o debuxo das palabras na gorxa, nos beizos e no padal. Con cada chopo de leite que mamei, con cada voz que me falou enviaba un anaco do meu idioma que se me convertía en carne, en óso e víscera. Co tempo, os pés desprazáronse polo chan, correron, subiron a un avión, e as palabras camiñaron polo sangue, polo aire e sobre a auga e seguiron alimentándose de lombrigas, de peixe, de cravos e parafusos, de poemas e de militancias. E de afectos.

Penso ás veces en como a miña lingua me foi achandando o terreo para pousar nel, xa segura, os pés. As palabras fóronme soldados, loitadoras no meu nome contra quen as consideraba vencidas e peores —máis humildes, menos cultas, menos importantes— cás doutras linguas. Que dereito ten unha lingua a terse en máis ca outra? Quen lles atribúe aos teus pés —ou a túa forma de pensar, ou a túa forma de amar— o dereito a seren máis importantes cós meus? Neste idioma, que nin sequera tiven que elixir porque naceu comigo coma a cor dos ollos, contense o silencio e o berro, os xemidos do sexo satisfeito, o gozo e a dor. As miñas palabras non nacen só de min: véñenme de moi lonxe, encadeadas unhas ás outras. Fóronme entregadas, coma o corpo, nunha cerimonia privilexiada. Son guerreiras cando lles toca, e son pacíficas no tempo do acougo. Saben abrirme os ollos lambéndome as pálpebras. Podo degolar con elas un inimigo e podo seducir un amante. Amo a miña lingua, precisa cando me cómpre, rebuldeira cando me emborracho, obscena cando me peta e non quero vela en perigo de extinción. Non quero ver a noticia na prensa, nos informes culturais, nas reivindicacións populares. Non quero ver guaraní, galego. Ogoni, galego. Cheroqui, galego. Non quero que se agoche nun espazo secreto e inaccesible. Nushu, galego. Non quero vivir o despropósito da morte da voz.

Eu emprégoa porque a amo e porque se algo non teño eivado é a lingua.

E ti por que o fas?


Grazas, Anxos



1 comentario:

paideleo dixo...

Anxos é grandísima.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.