Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/04/09

Unha lingua sentenciada

Hoxe traemos outro artigo sobre o estado da nosa lingua. Xa sabedes que nos preocupa realmente que vai pasar con ela co novo goberno, invitámosvos a unha reflexión profunda e achegámosvos testemuñas do que acontece.
Este é un artigo algo longo, síntoo. Pero necesario.
Título "Unha lingua sentenciada, un país anestesiado", publicado no xornal Galicia Hoxe o 26 de marzo. Autor: Xosé Graña Núñez.

Os erros páganse, e en política os erros estúpidos páganse dobremente, sobre todo se quen os comete é a esquerda. Esta foi a sentenza que o pasado un de marzo ditou a sociedade galega. Galicia, despois dunha paréntese de tres anos e medio, volve ter un presidente do PP: Alberto Núñez Feijóo. ¡¡Felicidades Sr. Presidente!!; oxalá teña vostede sorte para ser ese "Presidente de tódolos galegos"como tantas veces preconizou; pero permítame que lle diga unha cousa : ¡mal empezamos!

Coa que está caendo, con miles de familias galegas bordeando a penuria, cunha situación económica que empeza a ser dramática (e por máis que esa declaración de intencións estea en consonancia coas promesas electorais) resulta abraiante que unha das prioridades do futuro Presidente sexa liquidar as Galescolas e derrogar o Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, decreto que non é máis cá materialización do goberno bipartito do Plan de Normalización Lingüística, aprobado no Parlamento por unanimidade, tendo o PP maioría absoluta, e por suposto co voto favorable do vicepresidente Núñez Feijóo. Decreto ó que lle deron o seu respaldo institucións, organismos e colectivos tan diversos coma : Consello Escolar de Galicia, sindicatos, organizacións estudantís, federación de centros católicos concertados, federación de asociación de pais e nais, movementos de renovación pedagóxica... A que máis consenso se pode aspirar...? Que cambiou dende aquela a agora no PP. Será porque "os da boina" tiñan un peso que xa non teñen...?

Se o presidente in pectore que semella ter un descoñecemento preo- cupante do nivel de implantación do galego no sistema educativo (un de cada cinco cidadáns asegura que a escola influíu en que se expresase en castelán) ten unha decisión tomada que actúe en consecuencia, sen ambigüidade, sen globos sonda nin demagoxias... Como se pode anunciar unha medida que supón un ataque frontal e irresponsable á lingua galega e, a un tempo, declararse un incondicional defensor da mesma, ou pedirlle ó Consello da Cultura Galega "a defensa da identidade galega". Pero que mellor defensa hai da nosa identidade ca defender sen complexos o que é o noso principal trazo de identidade: a lingua. Di tamén o Sr. Feijóo que avoga por sumar o reto do coñecemento do inglés ós da aprendizaxe do galego e o castelán e "elevar a categoría política o que se fai na rúa" . Pero á que rúa se refire, á de Petín (en Ourense) ou á "rúa Real" (en "La Coruña") . Se se refire á primeira, eu tamén me apunto... En fin, desconcertante...

Esta polémica decisión (esperemos que nunca chegue a materializarse) tómase en base a dous principios básicos que, cando menos de cara á galería, soan moi ben : "as linguas non se impoñen" e "os pais teñen dereito a elixir a lingua na que educar os seus fillos". Estou completamente de acordo, se estivesemos falando dunha sociedade verdadeiramente bilingüe e lingüisticamente normalizada. Pero ese non é o caso galego. Aquí todos sabemos (incluídos os desa plataforma que se fai chamar, sen ruborizarse, "Galicia bilingüe") cal é dende hai cincocentos anos a lingua marxinada, proscrita, ignorada e mesmo ridiculizada por tantos renegados ó longo da historia. Como se pode falar de imposición dunha lingua que ano tras ano se está desangrando nunha perda de falantes que semella irreversible, como apuntan tódalas enquisas, que serían aínda máis dramáticas se non as maquillasen as xentes do rural e as xeracións máis vellas...? Os datos do último Mapa Sociolingüístico de Galicia realizado pola RAG (resulta sorprendente que teña que ser A Mesa quen os dea a coñecer...) son tan demoledores que apuntan con toda contundencia a que o noso idioma, en canto ó número de falantes, está a vivir o peor momento da súa historia. Como se pode falar de imposición dunha lingua que xa é pouco máis ca unha anécdota na xuventude urbana, dunha lingua que pasou de ser a lingua inicial do 60% da poboación a só selo dun 20%? Como se pode compaxinar que os alumnos ó rematar os estudos medios teñan unha competencia similar nos dous idiomas, se ó galego non se lle permite ser a lingua vehicular nunha porcentaxe similar ó castelán, como se recolle no Decreto 124/07 que agora se pretende derrogar e que, por certo, se incumpriu sistematicamente sen que a Administración do bipartito movese un dedo.Que está pasando nunha sociedade na que moita xente se sorprende de que un neno (urbano) de tres anos fale na lingua vernácula... Quen non escoitou lindezas coma esta : "ay que niño más riquiño...¡que bien habla el gallego!" ? Ata aquí chegamos e este é o país que temos, un país no que o castelán segue sendo a lingua absolutamente hexemónica e privilexiada e, por se isto fose pouco, mimada polos poderes económicos e mediáticos, e por un nacionalismo español, sen escrúpulos que non dubida en patentar un invento como "Galicia bilingüe" para enganar a moita xente de boa fe que, inocentemente, mordeu ese caramelo envelenado, pero cunha etiqueta tan atractiva no envoltorio ("Galicia bilingüe") Que nos expliquen o que entenden eles (curiosamente a maioría castelánfalantes) por "Galicia bilingüe", se é que chegan a entender o que implica o concepto bilingüe, cousa que dubido. Moito me temo que o que pretenden é reducir o galego a un gueto no rural para acabar correndo a mesma sorte que o gaélico, completamente engulido polo inglés...

En relación co outro argumento esgrimido por Núñez Feijóo, o de que "os pais teñen o dereito a elixir a lingua na que educar os seus fillos" eu subscríboo ó cento por cento, pero que se aplique con tódalas consecuencias. Nos últimos trinta anos este dereito, de facto, e salvo casos moi puntuais, só o tiveron os pais que optaron polo castelán. A quen pode molestar que haxa galescolas que garantan ese dereito a elixir, para os pais que así o desexen...? Neste punto cómpre matizar algo que me parece fundamental. Ser libres non é simplemente elixir entre A e B, senón ser plenamente conscientes do que implica cada unha das opcións. Nunha sociedade diglósica como a nosa aínda perduran moreas de prexuízos e complexos ancestrais que minaron a conciencia de moitos cidadáns, incapacitándoos para unha elección verdadeiramente libre e obxectiva. Despois de cincocentos anos de marxinación e de discriminación da lingua vernácula, a ninguén debería escandalizar que reivindiquemos unha discriminación (neste caso positiva) para unha lingua ferida de morte que precisa de coidados intensivos... Menos falar de entelequias como "bilingüismo amable ou harmónico", de que "as linguas non se impoñen senón que se aman.." (hai amores que matan, Sr. Feijóo) e centrémonos na crúa realidade: Galicia arrastra dende hai séculos unha diglosia esquizofrénica, de tal magnitude, que a día de hoxe os cidadáns que optan por "vivir en galego" téñeno moito máis complicado do que o teñen os que optan por "vivir en castelán". Como galegos, deberíanos caer a cara de vergonza de que isto pase na nosa terra, no século XXI...

Agora ben, con todo isto ser absolutamente delirante, un queda, se cabe, aínda máis desconcertado cando constata a apatía e indiferencia dalgúns estamentos sociais que en calquera país, cun mínimo de decencia, saltarían coma un resorte...Aquí, máis ca tocar a arrebato tocou a retirada. Xa se sabe, o que se mova non sae na foto... Alguén é capaz de imaxinar este escenario en Euskadi ou Cataluña; que Basagoiti lle esixa a Patxi López, no pacto de goberno, liquidar as Ikastolas, ou a un PP catalán vitorioso anunciar que vai suprimir os programas de inmersión lingüística en catalán? Pero Galicia é distinta; seguimos sendo ese pobo submiso e resignado ó que lle resulta indiferente que xoguen co máis sagrado da súa identidade.

Onde está a Real Academia Galega que nin se atreve a publicar os datos do último Mapa Sociolingüístico antes do un de marzo, por temor de prexudicar... a quen? Onde está o Consello da Cultura Galega que se reúne con Feijóo sen que ninguén lle afee semellante despropósito. Onde están os departamentos de galego das universidades, a intelectualidade galega, o vello e o novo galeguismo e tantos profesionais ós que lles deu notoriedade este idioma no que tan pouco parecen crer? E que dicir do numeroso colectivo de ensinantes que comemos a conta desta lingua...? E que fan as forzas políticas e sindicais autóctonas e non autóctonas... ? Salvo honrosas e puntuais excepcións (as xeneralizacións sempre son inxustas) a anestesia funcionou e a parálise é case total. Un ten a amarga sensación de que nesta terra galaica sobra tanto "pesebrismo" como falta dignidade.

A traxedia para a nosa lingua é que, a diferenza do que ocorre noutras partes, aquí pode ser atacada impunemente, sen que iso comporte un rédito electoral negativo. Isto os políticos (especialmente os dos partidos estatais) sábeno e xogan en cada momento a baza que máis lles convén. Cando toca españolismo : "no a la imposición del gallego". Cando toca galeguismo (pseudogaleguismo, diría eu) : cámbiase o "chip" e a practicar niso que se chama "diglosia invertida" ou "uso ritualizado do galego". E todos tan felices e contentos. Xa o dixo o xenial Laxeiro : ¡¡Que fermoso país, pero que carallo de xente!!

*Catedrático de Lingua e Literatura Galega no IES Ánxel Fole de Lugo


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.