Hoxe, turno para citas que aparecen en "A linguaxe e as linguas" (1967)
O pobo é a unidade natural de convivencia, a cultura é a súa forma e a lingua o seu vehículo.
Os distintos pobos, as distintas culturas e as distintas linguas son as realidades concretas que corresponden á unidade ideal que nós chamamos Humanidade. A Humanidade realízase a través dos pobos, a través das culturas, a través das linguas. Ou sexa, a través da pluralidade. Reparemos ben niso: a través da pluralidade, da diversidade e do cambio continuo. Porque é así como a vida leva a cabo a súa constante e grandiosa actividade creadora. Válese da pluralidade e da diversidade porque é a única maneira de lle dar “forma” á riqueza intrínseca do seu pulo creador.
Nós, os galegos -e xustamente como galegos-, somos unha desas unidades naturais en que a Humanidade se realiza. Somos unha das formas de expresión do pulo creador da vida humana. Porque somos un pobo dotado dunha lingua e polo mesmo, dunha cultura, somos unha realidade orixinal dentro do patrimonio humano. A nosa misión consiste en facer que esa realidade orixinal acade a súa plenitude. Somos os responsables de que prospere ou fracase unha creación que a vida humana expresa a través de nós. [...] Podemos considerar a realidade humana como unha gran agra composta de moitas leiras, cada unha delas cos seus propios froitos. Nós somos unha desas leiras. O noso destino -a nosa responsabilidade- é cultivala e ofrecerlle os seus froitos orixinais ao patrimonio cultural humano.
Poderedes topalas en
A linguaxe e as linguas, Galaxia, 2007, pp 95-96
Ademais, recollemos traballos feitos por compañeiros do PLAMBE. Hoxe, dende O xograr lector:
Sen comentarios
Publicar un comentario