Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/05/09

Citas de Piñeiro sobre a lingua (II)

Seguindo co que onte comezabamos, hoxe turno para "Olladas no futuro" (1974)

O prexuízo ideolóxico vai asociado a un tipo de ideoloxía que en nome do progreso refuga a pluralidade idiomática por coidar que debe ser substituída pola vixencia única lingua universal. [...] Unha lingua única, para ser única, ten que suprimir todas as que existen, ou sexa, levar a cabo o arrasamento cultural da humanidade. pp. 89 e 93.

O desprestixio social do idioma é moito máis importante e vimos de analizar a súa gravidade con intencionada demora. Sabemos e recoñecemos a fondura do noso complexo colectivo de inferioridade e das súas aberrantes manifestacións psicolóxicas. Sabemos dos factores históricos que orixinaron e consolidaron ao longo dos séculos e dos que hoxe o fortalecen (os xornais, a radio, a televisión, a escola, a igrexa, etc.). p. 85

Máis grave que a influencia dos xornais, da radio ou da televisión é a influencia da escola, porque actúa conflitivamente sobre a psicoloxía dos nenos galegos ao descoñecer -e polo mesmo negar, humillar- a súa personalidade espontánea no que ten de máis xenuíno e entrañable: a expresión idiomática. Unha escola que prescinde da lingua materna, da lingua usual, da lingua na que aprenderon a falar e na única que en que poden expresarse os nenos, dará, como resultado do seu labor, estes dous froitos: abafarlles a súa personalidade íntima e meterlles na cabeza máis ou menos coñecementos de tipo intelectual. p. 83

O feito de que durante varios séculos o galego teña sido arredado de toda vixencia oficial e reducido á condición de lingua oral popular tiña que producir -e produciu, claro está- unha profunda discriminación sociolóxico-idiomática. p.76

A lingua é a bandeira da nosa solidariedade moral, e a solidariedade é a base imprescindible do noso progreso, do noso desenvolvemento, do noso desenvolvemento material e espiritual. p. 293

O vencello que a todos nos une, o que identifica a todos por riba de diferenzas e distancias, é o único patrimonio que a todos pertence por igual: a espiritualidade común, ou sexa, o idioma, xa que o idioma é a creación máis xenuína e o vehículo máis vivo e permanente da espiritualidade común dun pobo. O noso idioma é, xa que logo, a única forza espiritual capaz de manter a cohesión íntima da gran comunidade social. (1954) p. 76







Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.