QUERO APRENDER a lingua do máis débil. A outra xa ma chantarán na carne con agullas, xa ma inocularán coma vacina obrigatoria, xa ma meterán na boca sen facer preguntas, xa ma enquistarán entre as febras dos músculos sen apenas darme conta. Irá nunha pílula imperiosa que fará niño nos estómagos, revestida de placebo. Química ilusoria, tragaráse con auga e fará sentir a todos ben.
Quero aprender a lingua do máis débil. As outras xa mas colocarán diante das pupilas, tan en primeiro plano que será imposible enfocar os lindes, ocuparano todo de tal xeito que non haberá sitio para máis, acabarei por confundir o que prefiro co único que os meus ollos podan ver.
Quero aprender a lingua do meu irmán máis débil. As outras xa me saltarán ao camiño cada vez que poña un pé fóra da casa: para ofrecerme un negocio ou para bater en min, para servirse de min ou para venderme traxes novos cos que me sinta importante; para que eu bata nos outros ou para ofrecerlles un negocio, para que poda servirme deles ou me compren un traxe co que se sintan importantes.
Quero aprender a lingua máis débil do meu territorio. A outra xa levará o abono máis potente, xa chuchará do mellor estrume e haberán arrincarlle as malas herbas cunha constancia non pedida, xa lle poñerán unha manta de plástico para que non pase frío e medre forte, máis forte aínda do que a súa semente. Movidos polo seu verdor, os traballos do campo trocarán de rutina en xesto espontáneo, de disciplina en instinto.
Quero aprender a lingua do meu irmán máis débil. As outras xa terán os pés máis grandes, avanzarán rápido e esmagarán algún insecto ao camiñar. As outras xa chegarán sempre máis cedo sen tanto esforzo, incorporaranlle un motor pola noite e dará xenio velas correr, ao día seguinte.Quero aprender a lingua do máis débil. A outra xa ma pegarán no lombo cando non me decate, xa darei contra ela cando quera fuxir, xa baterei con ela ao dobrar cada esquina, xa medrará coma fungos nos recantos, instalarase nos meus balcóns sen case abrirllos, deglutiráa o meu corpo sen apenas decidilo, desembarcará con bandeiras das nosas cores favoritas e, sen apenas un conflicto, fará parte da paisaxe. Tan baril e tan presente, tan solícita e disposta que apenas repararemos nos que estaban de antes. Coma se libremente decidísemos, coma se de veras desexásemos o máis forte que hai, o único que hai.
Quero aprender a lingua do máis débil.
1 comentario:
un bo texto, a verdade...
Publicar un comentario