Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/06/09

Carta ao Conselleiro

Interesante carta dunha nai eu pai ao Señor Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, D. Jesús Vázquez:

Un dos atributos que debe posuír un político é coñecer aquilo sobre o que ten que administrar. Esta consulta a nais e pais sobre a lingua (o de consulta parece o aproximado porque como enquisa carece dos mínimos científicos e metodolóxicos para considerala como tal) expón alarmantes síntomas de ignorancia sobre o sistema educativo, algo especialmente curioso vindo de onde vén. Non existen esas materias troncais das que se fala en Ensino Primario. Dáse por troncal o que non é en Secundaria (por exemplo aparece Tecnoloxía e non Plástica ou Música). Na pregunta encol de cál é a lingua coa que comeza a expresarse un neno na etapa Infantil, falta como mínimo un "outras". Sabemos que existe unha cousa chamada inmigración? Que valor terá a resposta duns pais marroquinos ou chineses? Será castelán ou galego por defecto? A todo isto, gustaríame unir o anuncio de que se estuda a posibilidade de ofertar portugués na secundaria. Sabe que iso xa existe no actual marco legal, e que, de feito, estase a ofertar como segunda lingua en moitos centros? Permítanos señor Conselleiro que imaxinemos unha consulta análoga onde se preguntase qué tipo de intervención cirúrxica sería a elixida para curar un catarro. Que tipo de coñecementos sobre Sanidade amosaría aquel que formulase semellante pregunta?

Outra das atribucións que tamén debe ter un político é a capacidade de coñecer os marcos legais por onde se move a súa laboura. Esta consulta pode ser a base dun quebrantamento de artigos do Estatuto de Autonomía, de principios da actual Constitución Española, e das indicacións da Carta Europea de Linguas que España ten subscrita. Paradoxal sería que fósemos á vangarda do extremismo en canto a reformas lexislativas.

Outro valor do político é saber informar. Esta consulta estase a facer nun ambiente de des-información, manexándose lugares comúns sen ningunha base científica, afirmacións sen consistencia, ou, cando non, simplemente mentiras. Unhas cantas a modo de exemplo. De verdade cremos que hai algún mozo/a na Galicia que non sexa quen de se expresar en e de entender o castelán? Ten sentido falar de austeridade cando nos gastamos cartos en realizar esta consulta? Pódese ameazar á xente por querer informar cando a Consellería leva tanto tempo falando de respecto á liberdade de expresión? Como se xestionan os "dereitos lingüísticos" se meu fillo escolle unha opción de só un dos idiomas? Vai ser o procedemento de "como somos maioría os sans, descartemos a eliminación de barreiras para minúsválidos, que ao fin e ao cabo son unha parte mínima do total da poboación, gasto suntuario daquela "? Pode alguén defender o bilingüismo negando a opción de ser competente nun dos idiomas?

Virtude esencial do político, desde tempos socráticos, é saber escoitar. Non podemos valorar esta consulta desde a audición asimétrica de vostede. Escoitou a pouco máis de dúas mil persoas o pasado 8 de Febreiro, unha boa parte delas vidas de fóra de Galicia. Pero non quixo escoitar as máis de corenta mil galegas o pasado 17 de Maio. Non é bon utilizar eventos puntuais deste tipo para tomar decisións, pero se a base para este o seu proceder é seguir o acontecido o pasado Febreiro ¿que debería facer se escoitase o acontecido en Maio? Eliminar o castelán? Como gobernante ten que evitar maximalismos e extremismos. Non se está a escoitar non só a moita xente a título individual, se non a institucións de diversa índole e signo, ANPAS, colectivos de científicos, agrupamentos sociais, colexios profesionais, asociacións culturais, sindicatos, forzas sociais de diversas índole, asociacións de escolas privadas, universidades, persoeiros de recoñecido prestixio... ¿Cre vostede que Rafael Cuíña ou Avelino Pousa Antelo son "radicais batasunizados"? (Estimamos que saberá quen son). Non se pode facer as cousas para dividir unha sociedade.

NON IMOS PARTICIPAR nesta pseudo-enquisa. Non polas razóns antepostas, que para moitos poderían ser máis que abondo para non facelo, se non por unha moi simple:

Se vostede vincula calquera decisión a esta consulta creará un GRAVE PRECEDENTE posto que tería que atender á demanda de seren consultados de calquera colectivo ou grupo de presión sobre calquera cousa que se lles antollase. No eido educativo estaría na obriga de consultar unha morea de cuestións, porque todas poden ser moi transcendentes: qué contidos queremos (haberá quen demande creacionismo en clase de ciencias porque Darwin atenta contra os seus valores), qué disciplinas queremos que se impartan, qué horarios, sobre o financiamento de centros privados e públicos, sobre o ensino ou non da relixión nunha sociedade como a nosa... Ademais, todo isto está a supor unha falta de respecto absoluta cos profesionais do ensino, docentes, mestres, profesores, orientadores, equipos psico-pedagóxicos, etc. que traballan no día a día das aulas. Extrapole vostede a outros ámbitos e o resultado podería ser ridículo: ¿maxina vostede a Sanidade preguntando se é útil gastar tantos cartos en enfermidades que afectan relativamente a pouco número de persoas? Esta consulta nos sona a algo semellante. Estamos confundindo democracia con populismo. Lembre que a demagoxia tende a minar a calidade de calquera sistema de liberdades.

Por tanto, e desde o maior do respectos que lle debo como cargo que é do goberno do meu país elixido democraticamente, permita que lle deamos uns consellos relacionados có que arriba lle expuxemos: informe, infórmese encol do sistema educativo que ten que administrar, escoite e estude lexislación. Para aprenderes a escoitar, recomendamos un exercicio simple: vaia a calquera dos parques das cidades da nosa Galicia. Tome nota dos meniños/as que se expresan en galego e dos que se expresan en castelán. Logo comprobe cal é a competencia en galego dos que usan o castelán, e viceversa. Seguro que será a mellor das enquisas para saber cal é o futuro que lle agarda a cada un dos idiomas se teimamos en seguir por camiños irreais. Cremos que é de bo político reflexionar, pensar e rectificar. Abandone os biosbardos das consultas.

Reciba un moi cordial saúdo dunha nai e un pai bilingües que aman aos seus fillos e ao seu país, incluíndo nel os que falan calquera lingua a cal tivesen a oportunidade de ter coñecido.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.