Anda o tempo revolto. Pasamos da calor máis intensa a un ceo escamento que sabemos acabará por descargar nunha intensa treboada, nunha arroiada sen límete que varrerá a terra seca na que morreron as árbores que con traballo chantamos meses atrás. Mentres o tempo non deu en mudar dunha semana a outra, as vacas ceibas arrincaron os gromos e iso malia os enganos dos peches rechamantes polos que triparon sen consideración. Así que miramos cara ao ceo e ficamos desolados, tanto esforzo, tanta dedicación e outra vez as inclemencias e a desconsideración esboroaron o plan seguido para recuperar o monte.
Falo de feitos tanxíbeis, mais que na súa realidade son a alegoría perfecta para falar destes meses que seguiron a marzo, deste vendaval que até me leva as palabras, deste gando salvaxe que tripa por riba de nós, con licencia para destruír canto atopa por diante, como unha máquina programada para facer desaparecer no menor tempo posíbel calquera pequena herba que poida ser un sinal de recuperación ou de existencia. Porque xuño teima en abalarnos unha e outra vez: eliminan a demostración do coñecemento do noso idioma nas licenzas por estudos, rebuscan nas fórmulas legais para suprimir a obrigatoriedade dunha proba en galego no acceso á función pública, inician o proceso de derrogación do Decreto que recolle que polo menos o 50% das materias no ensino deben ser impartidas en galego, as galescolas deixan de selo e o goberno, despois de impoñernos a súa opinión contra a lingua, prohíbenos aos docentes que digamos o que pensamos desta tramposa consulta sen garantías. Alguén pensará que chove... mais non, mexan por nós. E por se non bastase, veñen as coincidencias e Carlos Callón ten que declarar porque un xuíz presentou denuncia contra el por ter apoiado o dereito dun cidadán que reclamara ser atendido en galego pola xustiza.
Entón penso que sentimos que nos golpean coma a vara que contra a cerdeira vai e vén facendo que caia por terra o froito da árbore que teimosamente se mantén en pé. Mais eu quero berrar que, malia a vara que nos abala, o gando que nos tripa e devora e a seca e as treboadas que só poden destruírnos, nós, coma esta terra, estamos aquí e seguimos, volveremos dar os froitos que alimentarán aos pardais e agromaremos de novo, coa chuvia maina, mentres a raíces se cravan na terra e o tronco medra, resistente ás adversidades.
Porque como a terra, que unha e outra vez é extremadamente xenerosa, a nosa loita prende e esperta ás follas durmidas. E así comprobamos como pouco a pouco somos máis, máis voces que se unen e que declaran que amamos esta lingua e que faremos o necesario para que as nosas fillas, as nosas netas, bisnetas e tataranetas sigan portando no seu ADN mitocondrial esta arela común, esta lingua que nos identifica e que nos fai máis fortes. Porque queremos merecer a nosa terra...
O galego que non fala
a lingua da súa terra,
non sabe o que ten de seu
nin é merecente dela.
(Victoriano Taibo)
Sen comentarios
Publicar un comentario