Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/06/09

En pé de igualdade

O Fiscal Superior de Galiza, Carlos Varela García, instou hoxe á Administración autonómica a pór en marcha medidas "legais" que sitúen o idioma galego "en pé de igualdade" co castelán. Así o expuxo no trascurso do acto anual da Irmandade Xurídica Galega, celebrado hoxe no Pazo de Fonseca de Santiago, no que varios maxistrados recibiron a "toga da galeguidade" ao entrar a formar parte do órgano. Por outra banda, un grupo de secretarios e funcionarios xudiciais recibiron as insignias da entidade.

Varela apelou ao principio xurídico da discriminación positiva, que favorece á lingua en inferioridade de condicións, para que o principio de cooficialidade lingüística sexa "real" e "efectivo", alegando que, de non ser así, "o principio de igualdade establecido pola Constitución española "non será tal". Por iso pide ao Goberno galego que adopte accións "correctoras" para que o galego "non estea en inferioridade de condicións".

Por outra banda, tal e como acordaron no acto fundacional da Irmandade celebrado fai un ano en Celanova, a entidade transladou á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a necesidade de promover unha nova asemblea de concellos galegos para "correxir algunhas carencias" que, asegurou Varela, observaron no "escaso" uso da lingua galega por parte das asesorías xurídicas e as policías locais.

O Fiscal Superior afirmou que tamén pretenden transmitir este proceso "regaleguizador" aos directivos das Escolas de Prácticas Xurídicas e ás facultades de dereito das universidades da comunidade, para que incorporen nos programas académicos cursos, materiais e medidas de "fomento" do uso do galego "entre os xuristas que se están a formar".

Carlos Varela tachou de "imprescindible" o diálogo aberto coas asesorías xurídicas das centrais sindicais que aínda non optaron polo emprego da lingua galega no ámbito laboral, e animou aos membros da Irmandade a levar o discurso da normalización lingüística "ao extremo do exemplo" no seu traballo "para que se difunda e espalle", concluíu.

Artigo

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.