Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/06/09

A enquisa da vergoña

Manuel, da Biblioteca Ollos Grandes, publica isto:

Algúns non coñecemos o que é sentir vergoña por procurarmos disfrutar do galego. Empregámolo nas nosas aulas para achegármonos un pouco máis á lingua nosa, orixinaria, a un alumnado que, nas cidades, parece evitala. Facémolo, entre outras razóns, porque entendemos que así serán cidadáns máis libres. A liberdade vén do coñecemento que, no noso país, está garantido para o castelán pero non para o galego. É, polo tanto, o noso deber como docentes promover o seu uso.

Algúns, como dicía, non coñecemos esa sensación de vergoña tan atribuída ao galego-falante do rural chegado á cidade. Pero sentimos outra diferente, abrasiva, ao vermos como a administración se serve do ben común para xustificar uns centos de votos e altas doses de protección nos medios de fóra. E como se serve das familias para amosar mans limpas tras a desfeita, en actitude irresponsable e covarde. Tantos anos de persecución, desprezo, desprazamento e ridiculización da lingua galega parece que non chegaron.

Como é posible ofrecer un ensino de calidade cando negamos a posibilidade de competencia na lingua propia e impedimos a liberdade de elección co castelán? Esta impotencia que sentimos carrexa a vergoña da que falo.

A enquisa sobre o uso do galego no ensino, que supón un custo disparatado, non ten sinatura oficial, carece de selo orgánico, vén redactada de xeito ridículo por duplicado, deseñouse ás costas do sistema educativo, ... Non o pode disimular. Ela tamén está chea de vergoña.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.